Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/02/2021 | Actualizada ás 20:19
A CIG denuncia que a empresa ourensá Adolfo Domínguez "espreme" os traballadores pedíndolles traballar "ata" determinados sábados mentres parte do persoal continúa en ERTE. Pola súa banda, a empresa circunscribe esta acusación á de "unha persoa e non do comité", co que defende a comunicación desde que estalou a pandemia.
"Está a aproveitar a cobertura que lle proporcionan os ERTE de forza maior para converterse nunha auténtica empresa de traballo temporal", asegura a central nacionalista nun comunicado que remite o secretario comarcal de CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo.
Segundo a central nacionalista, Adolfo Domínguez "vai desafectando o persoal en ERTE segundo vaian vindo os pedidos e as vendas". Esta "técnica", engade, "é seguida pola maioría das empresas dun tamaño considerable". Así, "é o estado e o traballador quen financia os seus gastos de persoal", critica.
"Pero o último esperable e asumible nesta política de rapina" para a CIG, "é que estea a chamar ao persoal que está en activo a traballar os sábados, dado que hai un importante aumento de vendas en liña, mentres ten a unha parte importante do persoal en ERTE desde o mes de marzo do pasado ano".
A este respecto, Adolfo Domínguez explica que chama a traballadores en función dos seus departamentos e que a inspección de traballo avala este proceder.
Xusto sobre isto, o comunicado da CIG apunta que esta central e CC.OO. presentaron "conxuntamente unha denuncia ante a inspección de traballo", pero censura que esta "se puxo de perfil e non actuou coa responsabilidade que o seu papel legal da garantía dos dereitos esíxelle".
No entanto, apunta a CIG, tivo "efectos inmediatos" e Adolfo Domínguez "sacou do ERTE a 30 persoas a semana pasada". Que isto fose así é negado pola compañía, segundo as fontes consultadas por Europa Press.
"Aínda así, e xa co beneplácito da inspección, volve facer un chamamento para traballar este sábado, cando aínda queda xente en ERTE desde hai case un ano", reproba a CIG.
Ademais, sinala que "xa soan as campás, en boca da propia cabeza visible da empresa, Adriana Domínguez, da posibilidade de despedimentos colectivos no futuro inmediato".
"Parece que esta empresa vai a ERE de despedimento cada tres anos (2012, 2015, 2018, e 2021?)", pregúntase a CIG, que ve "indecente, inmoral e ilegal espremer ao persoal para traballar ata en fins de semana mentres outra parte do persoal está en situación de ERTE".
Ao seu xuízo, "non é outra cousa senón explotar os traballadores, financiarse do salario das persoas en ERTE e defraudar ás arcas públicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.