Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2021 | Actualizada ás 18:16
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considera que a vacina facilitada pola Xunta á delegada da multinacional de xeriátricos DomusVi, Josefina Fernández, é "unha labazada á dignidade dos galegos e as galegas". "É coma se na crise do ladrillo se premiase aos que máis defraudaron", espetou Gonzalo Caballero nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press este domingo.
Para o tamén portavoz parlamentario do Grupo Socialista no Pazo do Hórreo, que Sanidade facilitase a vacina á responsable deste grupo empresarial responsable dunha rede de residencias nas que "faleceron 2.600 persoas" desde o inicio supón "un golpe á ética e á estética" de Galicia.
Por iso, demandou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ofreza explicacións sobre este feito. "Feijóo non pode seguir escusándose para non dar resposta (da vacinación) desta empresaria afín ao PP", espetou Caballero, que dá por feito que a vacinación de Josefina Fernández foi "irregular" e insta á Administración autonómica a investigala.
"SALVAR O NADAL, FALLOU"
"É evidente que a estratexia de salvar o Nadal fallou", aseverou o responsable socialista na entrevista, na que afeou a pouca interlocución que, di, mantén a Xunta e o seu presidente coas forzas da oposición.
Segundo Caballero, o goberno de Feijóo debe "recoñecer que fallou" coa "estratexia" seguida durante as festas do Nadal e "agora" debe "protexer á xente e a saúde" en lugar de "falar de salvar a Semana Santa".
VESE APOIADO PARA CONTINUAR
Así mesmo, asegurou que se ve apoiado tanto pola militancia como pola dirección nacional do PSOE para seguir á fronte dos socialistas galegos e continuar con "o rumbo" marcado coa súa vitoria nas primarias nas que accedeu á Secretaría Xeral do PSdeG.
"Non se pode cambiar de adestrador cada tempada", asegurou Caballero, que di ter "os deberes feitos e a capacidade de traballo" para seguir "defendendo os intereses" dos galegos.
Ademais, Gonzalo Caballero tamén aproveitou a entrevista para criticar a participación da líder nacionalista, Ana Pontón, nun mitin electoral de ERC xunto ao coordinador xeral de EH-Bildu, Arnaldo Otegi.
"Non podemos entender que a líder do BNG participe nun acto electoral con Otegi. Iso non é algo que contribúa a beneficiar os intereses de Galicia", sentenciou, antes de asegurar que garda "boa sintonía" coa portavoz nacional do Bloque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.