Hostaleiros de Pontevedra plantan cara a Feijóo cun recurso no TSXG contra a decisión de manter o peche do sector

Feijóo anunciou que o seu Goberno trazará co sector un plan para retomar a actividade que inclúa "como mínimo tres aspectos: máxima seguridade para entrar, máxima seguridade ante un posible brote e máximo control".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/02/2021 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría (Feprohos) presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) un recurso contencioso-administrativo contra a decisión da Xunta de manter o peche da hostalaría, a partir do que piden a apertura cautelar do sector hostaleiro, que leva pechado desde o 27 de xaneiro.

Así o comunicou  o presidente da federación, César Ballesteros, que incidiu en que esta demanda se sitúa contra o peche temporal porque "é demasiado lesivo para o sector" e trátase dunha medida debería ir acompañada de axudas suficientes para "cubrir os danos e prexuízos causados".

"As axudas actuais para o sector son unhas migallas; de ningunha maneira cobren os danos nin parte deles, nin sequera o 10 por cento dos impostos que pagamos", sostivo. A iso, a demanda engade que "non é admisible que recaia sobre un sector concreto unha medida suplementaria --peche temporal-- que impida a supervivencia da actividade hostaleira".

Neste ámbito, Ballesteros incidiu en que é necesario "demostrar" a capacidade de contaxio da hostalaría. "Non está libre de contagios, pero si que hai outros sectores con igual ou maiores datos de contaxio que non viron lesionados os seus dereitos, por exemplo as oficinas", apuntou.

Cuestionado acerca de se prevén unificar as demandas do sector en Galicia, Ballesteros comentou que "era máis rápido e eficaz" presentalas individualmente; ademais de que hai algunhas diferenzas entre as reclamacións presentadas polas distintas organizacións provinciais.

OUTRAS DEMANDAS DO SECTOR

Ballesteros avanzou que Feprohos ten previsto presentar, así mesmo, outras dúas demandas ante o TSXG; a primeira delas ante as limitacións impostas ao sector hostaleiro cando aínda estaba aberto o sector. "Se só podo abrir o 30 por cento do meu aforamento e o 50 por cento do tempo, os danos e prexuízos son unha barbaridade", aseverou.

Neste sentido, lembrou que mentres seguen as restricións, os hostaleiros seguen tendo que abonar os impostos polo total do seu espazo aínda que non poidan utilizar todas as mesas. Así, insistiu en que é necesario que haxa unha compensación "xusta" por parte das Administracións.

A segunda demanda relaciónase directamente co sector hoteleiro. Así, explicou que os hoteis non teñen a obrigatoriedade de estar pechados pero o peche perimetral representa para eles "un peche tácito encuberto", que derivou en reducións de entre un 75 e un 90 por cento na súa facturación.

Varias persoas na terraza dun bar un día antes do peche da hostalaría, en Vigo,  a 26 de xaneiro de 2021.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar un día antes do peche da hostalaría, en Vigo, a 26 de xaneiro de 2021.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

DESESCALADA HOSTALARÍA

O comité clínico que asesora á Xunta na pandemia do coronavirus recomendou manter esta semana o peche total da hostalaría e dos ximnasios, así como a limitación de reunións a non convivientes. Así, emprazouse á reunión do luns que vén para avaliar o alivio destas restricións.

Iso si, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, vinculou esta reapertura a que se "afiance" a tendencia descendente nos datos da pandemia e avanzou que os establecementos deberán incorporar sistemas de control de aforamentos e un rexistro de clientes.

Na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico, Feijóo anunciou que o seu Goberno trazará co sector un plan para retomar a actividade que inclúa "como mínimo tres aspectos: máxima seguridade para entrar, máxima seguridade ante un posible brote e máximo control". Ademais, os negocios deberán levar un rexistro de entradas que permita coñecer e "cribar completamente" a aqueles clientes "que compartisen estancia cun positivo".

Preguntado sobre como se implementarán estes sistemas, Feijóo mencionou métodos como un código 'QR' ou un rexistro do número de DNI ou o teléfono. Feijóo non pasou por alto que, nos máis de 30.000 núcleos de poboación que ten Galicia, moitos bares acollen a persoas de avanzada idade que estarían nunha situación de "discriminación tecnolóxica". Por iso, engadiu: "Non podo concretar a ferramenta, será a que na práctica resulte máis factible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta