A Xunta anuncia un rexistro en bares e restaurantes para controlar aos clientes

Di que falicitará ao sector unha ferramenta para rexistrar aos usuarios. O sector di que será opcional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 23:04

Comparte esta noticia

A Xunta avanzará, en colaboración co sector, nun plan de "hostalaría segura" para a reapertura progresiva de centros, unha iniciativa para a que o Goberno galego porá a disposición dos hostaleiros unha ferramenta para o cálculo de aforamentos sanitariamente seguros, así como un sistema de rexistro de clientes para o seguimento de contactos que se implantará naqueles locais que teñan a capacidade, isto é, non será obrigatorio.

Así o explicaron, en declaracións a Europa Press, representantes hostaleiros que participaron nun encontro este luns co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para abordar esta cuestión.

Segundo informou a Xunta, o plan trasladado ao sector nesta reunión basearase en tres alicerces: máxima seguridade no acceso aos establecementos, máximo seguimento de posibles brotes e máximo control no cumprimento das normas.

AFORAMENTOS E CONTROL DE ACCESO

Así, por unha banda, co obxectivo de garantir a seguridade no acceso, os negocios de hostalaría deberán indicar na entrada ao local o límite máximo de aforamento para que os clientes saiban se poden acceder e, no interior, cumprir a distancia de 1,5 metros de separación entre as mesas.

Ademais, o Goberno galego traballará na posta en marcha dun sistema de rexistro das entradas dos clientes, é dicir, un sistema de rastrexo que permita localizar de maneira "áxil e sinxela" aquelas persoas que estivesen en contacto no local cun positivo por covid-19 e ante un brote poder proceder ao seu illamento.

En terceiro lugar, a Xunta levará a cabo un plan de control para garantir o máximo cumprimento das normas adoptadas polas autoridades sanitarias para previr a covid-19 nos establecementos de hostalaría. Para executar este plan, apuntou, precisará da colaboración dos concellos e das forzas e corpos de seguridade.

AFORAMENTOS SANITARIOS E CONTROL

Segundo explicaron desde as asociacións de hostalaría, a Xunta trasladoulles neste encontro que a aplicación dun sistema de control de clientes, como podería ser a través dun código QR, será "opcional" e "non obrigatorio", se non recomendable nos locais que poidan instauralo.

"Desde o sector comprometémosnos a tentar potencialo", dixo César Ballesteros, representante dos hostaleiros pontevedreses, que trasladou á Xunta as dificultades que terían moitos pequenos empresarios para implantar un seguimento así. "Ten que ser algo que non sexa obrigatorio", resolveu.

Na mesma liña, desde o Clúster Turismo de Galicia indicaron que a Xunta expón que utilicen este sistema de rexistro de clientes todos os establecementos que poidan adherirse, aínda que non será mandatorio.

Fotos Xunta /Vicepresidencia Primeira Emprego Sanidade/ Reunión Asociacións De Empresarios De Hostalería E Restauración.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta /Vicepresidencia Primeira Emprego Sanidade/ Reunión Asociacións De Empresarios De Hostalería E Restauración.. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta