A lei da "nova normalidade" insiste na obrigatoriedade das máscaras a partir dos seis anos

Tamén obrigan ás empresas que teñan medicamentos esenciais na xestión da crise que informen dos seus stocks.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 16/02/2021 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

A Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados aprobou este martes o informe do relatorio do Proxecto de Lei de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Este proxecto de lei, cuxa tramitación se está realizando polo procedemento de urxencia, procede do Real Decreto-lei 21/2020, de 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 convalidado polo Pleno do Congreso o pasado 25 de xuño, e ten por obxecto establecer as medidas urxentes de prevención, contención e coordinación necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como previr posibles rebrotes.

Entre as medidas contempladas no texto, mantense a obrigación para as persoas, a partir do seis anos, de usar máscara na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non resulte posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros.

En relación aos fabricantes e os titulares de autorizacións de comercialización daqueles medicamentos considerados esenciais na xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o texto recolle que deberán comunicar á Dirección da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios o stock dispoñible, a cantidade fornecida na última semana e a previsión de liberación e recepción de lotes dos mesmos, incluíndo as datas e cantidades estimadas.

Ademais, este Real Decreto inclúe que as administracións competentes velarán por garantir a suficiente dispoñibilidade de profesionais sanitarios con capacidade de reorganización dos mesmos de acordo coas prioridades en cada momento. Así mesmo, alude á garantía dun número suficiente de profesionais involucrados na prevención e control da enfermidade, o seu diagnóstico temperán, a atención aos casos e a vixilancia epidemiolóxica.

A palabra coronavirus a través dunha lupa
A palabra coronavirus a través dunha lupa | Fonte: iStock

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta