Iniciativa Galega pola Memoria denuncia que indemnizar aos Franco é "perpetuar a anomalía democrática"

Un manifesto con máis de 200 sinaturas, entre elas a de Méndez Ferrín e Manuel Rivas, pide retirar unha cruz franquista en Celanova.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) considera que indemnizar aos herdeiros do ditador Francisco Franco polo mantemento do Pazo de Meirás desde 1975 supón "perpetuar a anomalía democrática", polo que reclama ao Estado que recorra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña.+

Técnicos da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia realizan o inventario do Pazo de Meirás,  baixo supervisión da comitiva xudicial, en Sada
Técnicos da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia realizan o inventario do Pazo de Meirás, baixo supervisión da comitiva xudicial, en Sada | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Esta entidade advirte que a "única vítima" na demora da devolución do inmoble ao público "foi o pobo galego, que conviviu durante 40 anos coa vergoña do espolio impune" e que "agora se vería novamente agraviado" por ter que compensar "a quen herdou o roubado" e "especulou" coa propiedade.

"Á Iniciativa Galega pola Memoria escápaselle a lóxica de indemnizar a alguén por aproveitarse dun ben que, segundo o mesmo fallo, foi obtido de modo fraudulento. Que as institucións democráticas tardasen tanto tempo en recuperar o expoliado foi, precisamente, o que converteu ao Pazo de Meirás nun símbolo da impunidade franquista", asegura a IMG.

Ademais, rexeita que os Franco teñan que ser indemnizados pola rehabilitación tras o incendio de 1978: "Sen entrar a valorar as incógnitas sobre a orixe do lume, a herdeira do ditador (Carmen Franco) xa fora indemnizada coa importante cifra de 13 millóns e medio de pesetas".

Con todo, o colectivo cre que "o máis grave da sentenza non está no desembolso económico, senón na nova burla que supón que o tribunal estableza que non houbo mala fe na ocupación continuada" do pazo e que "unha vez máis se blanquee o franquismo e mesmo se poña en dúbida a loita das vítimas e do propio movemento memorialístico".

Así mesmo, máis aló do proceso xudicial, este colectivo tamén lamenta que as entidades pola memoria histórica estean mantidas "á marxe" no proceso de decisión sobre o futuro do inmoble.

RETIRADA DA CRUZ DE CELANOVA

Por outra banda, o Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova promove, a través dun manifesto, a eliminación do monumento da cruz dos caídos levantada en 1939 en Outeiro da Obra, en Celanova.

"Este símbolo é unha exaltación pública e visible do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana, a guerra e a represión política durante a ditadura franquista, polo que está afectado pola lei estatal de memoria histórica", explica o comité.

Por iso, este colectivo pide ao Concello de Celanova a retirada da cruz a través dun manifesto que reúne xa máis de 200 firmas, entre elas personalidades como Xosé Luís Méndez Ferín, Xesús Alonso Montero, Manuel Rivas, os actores Isabel Blanco e Luís Tosar, os fillos de Celso Emilio Ferreiro, historiadores e máis de 50 entidades de memoria histórica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta