O BNG esixe a comparecencia de Ábalos para que rebaixe "inmediatamente" as peaxes da AP-9

Di que "agora existen partidas orzamentarias para facer efectivo o contido do acordo de investidura e esiximos que se cumpra".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu a comparecencia na Cámara baixa do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, para que explique os motivos polos que aínda non foron aplicadas as medidas de rebaixa das peaxes da AP-9, incluídas no acordo de investidura entre o PSOE e a súa formación.

Nun comunicado remitido aos medios, o Bloque lembra que hai un ano dese acordo orzamentario e que o Goberno do Estado xa ten partidas orzamentarias para que se apliquen as bonificacións e a eliminación das tarifas. A organización nacionalista critica a demora na aplicación das bonificacións das peaxes da AP-9 e asegura que "non pode desculparse pola complexidade dos cambios regulamentarios necesarios".

"O Goberno tivo un ano enteiro para prever os cambios normativos que fosen precisos e para negociar coa concesionaria de forma que ao comezo do 2021 as bonificacións fosen efectivas, tal e como prometeran", subliña Rego.

Con todo, denuncia que, "en lugar de rebaixas", os galegos tiveron que soportar unha nova subida das tarifas, sendo esta infraestrutura "unha das poucas de todo que viron incrementados os seus prezos. "Agora existen partidas orzamentarias para facer efectivo o contido do acordo de investidura e esiximos que se cumpra tal e como se asinou hai un ano: a bonificación do 100% das peaxes para viaxes recorrentes, dúas ou máis veces ao día, tanto para usuarios particulares como para profesionais", incide o deputado do BNG.

Así mesmo, Rego lembra que, ademais desa bonificación, tamén existe un acordo para a gratuidade do tramo de Vigo ata Redondela e mesmo a absorción e eliminación do incremento do un por cento anual acumulativo durante 20 anos.

Ponte de Rande após a ampliación. EUROPA PRESS - Archivo
Ponte de Rande após a ampliación. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta