O Concello de Sada esixe ao Goberno explicacións por non recorrer o fallo de Meirás que o BNG cualifica de "vergoñoso"

O deputado Néstor Rego considera "indignante" que se lles aplique a presunción de que a súa posesión foi de boa fe e que descoñecesen a procedencia dos bens".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2021 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O Concello de Sada demandou explicacións públicas "das razóns polas que o Estado tolera pasivamente, sen recorrer, unha sentenza que recoñece a condición posesoria de boa fe dos Franco, desde o propio ditador ata os actuais herdeiros e debe compensalos polos gastos necesarios (de mantemento) e útiles (de mellora), desde 1975".

Fachada do Pazo de Meirás, ata agora propiedade da familia Franco, o día no que o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou integramente a demanda para a devolución do pazo.. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Fachada do Pazo de Meirás, ata agora propiedade da familia Franco, o día no que o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou integramente a demanda para a devolución do pazo.. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Sobre a liquidación posesoaria de boa fe do Franco desde 1975, afirma que "non só vai radicalmente en contra do defendido pola Avogacía do Estado no proceso xudicial senón que tamén supón unha alteración substancial do relato histórico do acontecido en Meirás, convertendo aos Franco e ao propio Franco en espectadores pasivos do que alí aconteceu".

"Unha decisión do Goberno do Estado que, ademais, compromete o exercicio das accións procesuais en materia de recursos das outras partes personadas", como parte adherida á demanda do Estado com o caso de Sada. E, engade, "compromete tamén accións xudiciais futuras doutras administracións en futuras demandas de recuperación de bens detentados polo Franco".

O Concello de Sada, que asegura que non hai "razóns xurídicas" para non recorrer, apunta que "se o Goberno entende que non procede a interposición de recurso de casación contra a sentenza da Audiencia da Coruña, o que espera e esixe a cidadanía galega en xeral, e sadense en particular, é explicitar tal decisión, e non, simplemente, dicir que a sentenza é positiva para o Estado".

"E tamén debería xustificar se é positivo para os intereses públicos e democráticos que unha sentenza, no 2021, considere a Franco como un simple actor pasivo que nada participou no proceso e que unicamente quixo regularizar e legalizar un título de propiedade radicalmente nulo".

"O Goberno está a tempo de rectificar e recorrer a sentenza e iso é que o se espera nun Estado democrático de Dereito", engade nun comunicado.

BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "vergoñosa" a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre a indemnización á familia Franco despois de obter o Pazo de Meirás "a través do espolio" e pide ao Estado que a recorra.

"Os bens deben ser devoltos, pero non pode aceptarse ningún pago aos herdeiros do ditador", sinala o parlamentario nun comunicado remitido aos medios en pide ao Goberno do Estado que "rectifique" e acepte recorrer a sentenza para que se faga xustiza cos bens expoliados do franquismo.

Néstor Rego considera "indignante" que se lles aplique a presunción de que a súa posesión foi de boa fe e que descoñecesen a procedencia dos bens". "É evidente que coñecían a procedencia ilícita dese patrimonio, así como a simulación do contrato que permitiu a inscrición do título de propiedade e toda a historia de espolios que están detrás deses bens", sinala.

Neste sentido, tacha de "burla" que se indemnice agora aos herdeiros do ditador. "Non se pode permitir que o pobo galego volva pagar o Pazo de Meirás", incide o deputado do BNG, que pide unha "rectificación" por parte do Estado. "Non podemos permitir, como sociedade, que estes feitos queden impunes. Hai que actuar baixo os parámetros de verdade, xustiza e reparación", sinalou.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, confiou en que o Estado explore "todas as posibilidades xurídicas" para evitar ter que indemnizar á familia Franco polo mantemento dun inmoble que foi "expoliado".

Caballero sostén que "aos Franco non habería que pagarlles nin un euro", xa que "xa se beneficiaron apropiándose do pazo durante décadas".

"Teñen que ver os servizos xurídicos o que se pode facer", sinalou o líder dos socialistas galegos, que cre que os Franco xa recibiron suficiente ao poder usar durante décadas este ben de interese cultural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta