Así é a nova norma que regula a subministración directa de pezas de caza a consumidores e restaurantes

O novo decreto limita a distribución a unha peza por semana e contempla a análise da carne por un "veterinario colaborador".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/02/2021 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres unha nova orde pola que a Xunta de Galicia regulará a subministración directa, por parte dos propios cazadores, de pequenas cantidades de carne de caza maior silvestre ás persoas consumidoras finais e aos establecementos de restauración.

Xabaril
Xabaril | Fonte: Xunta de Galicia.

A publicación, que recolle todos os requisitos hixiénicos que debe cumprir a carne e o seu tratamento, limita a subministración "a unha peza de caza maior silvestre por persoa cazadora e semana", só aplicable a pezas abatidas en Galicia.

Ademais, o decreto especifica que os locais de restauración receptores deben estar inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa).

Neste rexistro deben estar apuntados tamén os "locais intermedios de faenado de caza maior silvestre", lugares estipulados pola orde nos que, cumprindo todas as condicións sanitarias, realizaranse "as operacións para garantir a hixiene e a salubridade das carnes", como a extracción de estómagos e intestinos, que deberá realizarse nun tempo máximo de 30 minutos, ou as probas de triquina -parásito que provoca a enfermidade da triquinose--.

Estas mostras, que deben ser analizadas "con técnicas oficialmente recoñecidas nun laboratorio inscrito na sección de autocontrol", formarán parte dos exames post mortem sobre as carnes e vísceras que levará a cabo un "servizo veterinario colaborador" no local intermedio, outro dos requisitos que recolle o decreto. Será o veterinario tamén quen emita o ditame sobre a aptitude para o consumo humano da carne.

Ademais, as pezas deben "portar un precinto inviolable con datos identificativos", do que será responsable o cazador, así como do documento sanitario de traslado de pezas de caza. O transporte debe realizarse dentro das 12 horas seguintes á morte, nun vehículo que protexa á carne da contaminación e posible deterioración. En caso de superar o traslado as 12 horas, o transporte terá que ser refrigerado.

O decreto especifica tamén que "coa excepción dos cabeiros, hastas e cornos, a retirada de trofeos non se poderá realizar ata que se ditamine a aptitude das pezas para o consumo" e que os establecementos de restauración de destino conservarán "durante polo menos dous anos" a documentación da carne.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta