Policías locais, autonómicos e nacionais vixilarán a reapertura da hostalaría

A Fegamp propón a Rueda unha comisión de coordinación para que os concellos participen das decisións ante a pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/02/2021 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O plan de reforzo para a vixilancia do cumprimento das condicións de seguridade e as medidas durante a posible desescalada da hostalaría, contaría tanto con efectivos da Policía Local, da Autonómica e a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Reunión da Comisión Galega de Cooperación Local
Reunión da Comisión Galega de Cooperación Local | Fonte: Fegamp.

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, presentou ante os representantes municipais e das Deputacións, no seo da Comisión Galega de Cooperación Local, o citado plan de control para o que buscará a coordinación e a colaboración de todos os efectivos posibles dos que dispoñan tanto os concellos, como a Xunta e os dependentes da Delegación do Goberno de Galicia.

Todo iso para afinar un documento, que a Xunta remitirá á Federación Galega de Municipios e Provincias nas próximas horas.

O obxectivo é contar cunha planificación "realista" e viable para a súa análise no próximo comité clínico, que se reunirá o luns e que avaliará se o dispositivo proposto "é suficiente" para garantir a seguridade durante a hipotética (aínda que "previsible") reapertura gradual dos establecementos hostaleiros.

Rueda insistiu na importancia de garantir "non só a seguridade", senón "a permanencia no tempo" desta coordinación e este control para evitar "dar pasos atrás" e ir reforzando as medidas en función das decisións que se adopten e "que implican a todo o mundo".

COORDINACIÓN DE EFECTIVOS

A proposta incide en que as forzas de seguridade visiten "todos os locais que abran" a partir da desescalada.

A policía local acudiría, dependendo dos medios dos que dispoña, un mínimo dunha ou dúas veces á semana, para verificar que se cumpren as medidas e criterios establecidos, así como os horarios de peche.

As cidades e concellos de máis de 20.000 habitantes contarían cunha planificación específica para fins de semana, festivos e en puntos de especial concentración de locais.

A este "esforzo" que se solicita á administración local estaría acompañado dos efectivos da Policía Autonómica e dos inspectores da Consellería de Sanidade, engadiu Rueda, do mesmo xeito que se solicitou á Delegación do Goberno a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado para aqueles municipios "que non dispoñan de Policía Local".

Rueda matizou, non entanto, que este control xa se estaba facendo por parte dos efectivos locais, como constatan as máis de 5.000 denuncias presentadas por incumprimentos das normas covid e que derivarán en máis dun milleiro de expedientes sancionadores.

"Está a actuarse e queremos que se siga facendo", insistiu, para lembrar ademais que os profesionais da hostalaría son "os primeiros interesados" en que isto se materialice e que as administracións se coordinen "para ser efectivas".

CONTROL DE CAPACIDADE

Outro dos alicerces do plan debe ser o cálculo da capacidade destes locais, que é necesaria fixar, "que sexa visible" ao público, se respecte e controle o cumprimento da mesma, ademais de buscar "a máxima implantación" posible dos códigos QR polo seu beneficio para xestionar os brotes e os contaxios derivados.

En todo caso, Rueda quixo deixar claro que a clave do éxito das medidas parte do necesario "autoconvencemento" por parte dos usuarios destes locais da importancia de cumprir coas condicións de seguridade, ademais do papel dos hostaleiros para "observar" o cumprimento das normas nos seus establecementos.

Por parte da Fegamp, Alberto Varela valorou a previsible coordinación entre o tres administracións para levar a cabo as tarefas de control e asegurou que os concellos colaborarán na a medida das súas posibilidades, pero "sen especular" e con información "que ten que vir de primeira man" para "poder participar na toma de decisións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta