O alcalde de Ferrol reclama que Feijóo dea o paso para poder instalar parques eólicos nas costas galegas

Segundo Ángel Mato "quedou claro que o Estado está disposto a traballar para que Galicia dispoña das mellores oportunidades para poder instalar eses parques mariños de eólica offshore".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "dea un paso á fronte e que adquira un compromiso decido para poder instalar novos parques eólicos mariños" nas costas galegas, onde está "o mellor recurso de toda a Península".

Ditas manifestacións realizounas o rexedor ferrolán tras o encontro mantido este xoves entre o presidente do Goberno galego e a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. Mato xustificou esta petición en "a necesidade da diversificación industrial" da comarca, "que se ten que materializar con cuestións concretas".

O rexedor socialista apostou pola instalación de aeroxeradores mariños nestas latitudes. "Xa lla trasladei a Feijóo, comenteille que el tiña que facer esta aposta para poder implantar esta tecnoloxía e seguir desenvolvendo este tecido industrial que está vinculado ao mesmo", lembrou.

"O ESTADO ESTÁ DISPOSTO"

Segundo o alcalde de Ferrol, coas declaracións da ministra Teresa Ribera "quedou claro que o Estado está disposto a traballar para que Galicia dispoña das mellores oportunidades para poder instalar eses parques mariños de eólica offshore e agora o que fai falta é un compromiso decidido da Xunta".

O máximo responsable do goberno municipal ferrolán lembrou que xa hai algunhas empresas interesadas, "como é o caso de Iberdrola ou como o expresou Greenalia", e que desta forma "póidanse converter en realidade".

Por iso reclamou ao presidente da Xunta que "ten que ser consciente da situación económica e porse a traballar con urxencia para que non haxa limitacións para que eses parques mariños poidan ser unha realidade".

Angel Mato e Ana Lamas
Angel Mato e Ana Lamas | Fonte: Concello de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta