O BNG ve "unha humillación" que o Goberno non recorra a sentenza que obriga a indemnizar os Franco

O Estado podería ter que pagar máis dun millón de euros á familia do ditador polo Pazo de Meirás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o Goberno central por renunciar a recorrer a sentenza que obriga ao Estado a indemnizar aos herdeiros do ditador Francisco Franco polos gastos contraídos desde o ano 1975 no uso do Pazo do Meirás.

"É sorprendente e inaudito que o Goberno de Sánchez renuncie a presentar recurso ante unha sentenza que blanquea o Franquismo, porque asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo e unha humillación para calquera demócrata", sentenciou Pontón, segundo recolle un comunicado emitido polo BNG este sábado.

Para a líder frontista, a última sentenza sobre Meirás, que ratifica que o pazo é propiedade pública pero descarta que os herdeiros do ditador actuasen de mala fe e, por tanto, establece o seu dereito a percibir unha indemnización polos gastos contraídos desde 1975, supón "unha labazada na cara de todas as persoas que levan décadas loitando pola recuperación da memoria histórica e en contra da impunidade do Franquismo".

Pontón incidiu en que "é intolerable" que o Estado estea obrigado a indemnizar á familia Franco, aínda que cre que "o máis sorprendente" é que o Executivo "que se autodefine como o máis progresista da historia" descarte presentar un recurso ante este último fallo xudicial.

"Asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo e unha humillación para calquera demócrata", incidiu a líder nacionalista, que insta o Goberno a "rectificar" e activar os pasos para que a Avogacía do Estado recorra unha sentenza "intolerable". "Desde logo, se eu fose presidenta da Xunta estaría a recorrer esta sentenza vergoñosa e inasumible", concluíu Pontón.

Ana Pontón en rolda de prensa. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Ana Pontón en rolda de prensa. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta