Prisión provisional para o home que matou a coiteladas a unha moza de 22 anos en Ourense

Tamén feriu á parella desta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, en funcións de garda, decretou este sábado prisión provisional por un delito de homicidio consumado e outro en grao de tentativa para o home detido o venres por matar a puñaladas a unha moza de 22 anos e ferir de gravidade á súa parella.

En concreto, o home, que permanecía detido en dependencias policiais, pasou a disposición xudicial ao mediodía do sábado. Tras tomarlle declaración, o xuíz ordenou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza por dous delitos de homicidio, un consumado e outro en grao de tentativa.

Os feitos ocorreron na madrugada do venres. En concreto axentes de seguridade cidadá acudiron ás 5,00 horas a unha chamada de socorro na que afirmaban que unha persoa fora apuñalada na zona de Velle. Á chegada, localizaron o corpo sen vida dunha muller de 22 anos, e o dun home de 25 que permanecía con vida e que foi trasladado, grave, en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Os axentes desprazados localizaron ao presunto autor dos feitos no seu domicilio. Segundo contaron, o apresado é "veciño e familiar das vítimas". Tras o rexistro pertinente, recuperouse a arma branca supostamente utilizada.

Varios axentes da Policía Nacional xunto á vivenda onde ocorreu o crime.. Rosa Veiga - Europa Press
Varios axentes da Policía Nacional xunto á vivenda onde ocorreu o crime.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta