Teatro Amazonas

Noite do sete de xaneiro de 1897, no escenario baixa o telón e o público érguese para ovacionar aos interpretes de La Gioconda, a ópera de Ponchielli. Non estamos en La Scala de Milán, estamos en Brasil.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 22/02/2021

Comparte esta noticia

Marmol de Carrara para as escaleiras, mobiliario traido de París, lámparas de cristal de Murano, planchas de metal para as paredes chegadas de Inglaterra, enxeñería alemana para a bóveda da gran sala, non se reparou en gastos... estamos en Manaos, o Teatro Amazonas tanto tempo desexado é xa unha realidade que representa a bonanza económica do “París do Amazonas”. Unha bonanza creada pola alta demanda, e altos prezos, do caucho, que medrara exponencialmente dende que na década dos 50 Charles Gooyear descubrira o proceso de vulcanización e o automovil comenzara a popularizarse. Durante 40 anos Manaos floreceu, co caucho, coa exportación de madeira. Ata o remate da I Guerra Mundial.

Anos antes do comenzo da década dos 20 do século pasado os ingleses foran creando plantacións da arbore do caucho na daquela Malasia Británica, na actual Sri Lanka ou na África Subsahariana, en territorios que formaban parte do seu imperio. En poucos anos unha boa parte da riqueza que fixera de Manaos esa París de América do Sur desapareceu ao non poder competir cos prezos da producción das novas plantacións, deseñadas con criterios de explotación industrial.

A riqueza de Arxentina dende mediados do século XIX ata a II Guerra Mundial tivo unha das súas patas na explotación dunha combinación de tecnoloxías e innovacións: o ferrocarril, o desenvolvemento dos sistemas frigoríficos, novos barcos de maior tamaño e mais rápidos, os cliper... que permitiron reducir os prezos do transporte de productos como cereais ou gando dende as enormes extensións do interior aos portos nacionais e dende estes aos insaciables mercados europeos.

En Arxentina, como en Brasil, os anos de bonanza fixeron a uns poucos ricos, inmensamente ricos, e fixeron as suas sociedades tremendamente desiguais, inxustas. Tanto nun caso como no outro cambios que non foran previstos, oportunidades que non foron aproveitadas, fixeron que da bonanza apenas quedara o recordo pasado o tempo. Nun caso como no outro os grandes terratentes, os grandes comerciantes e industriais viviron o momento sen preocuparse o mais mínimo do futuro, igual que, case sempre, os gobernantes.

Son moitos os exemplos na historia económica mundial de periodos de explendor que non se souberon aproveitar, industrias florecentes que en poucos anos desapareceron, polo esgotamento de materias primas, por de innovacións cientificas que cambian as demandas, por novos competidores en mercados cada día mais globais, tamén por cambios políticos... Santiago de Compostela contou no século XIX cunha destacable industria do curtido, que hoxe é apenas historia e da que quedan unhas instalacións industrias, no millor dos casos, rehabilitadas como vivendas de alto standing. O ocaso de Detroit, que fora a capital da industria do automobil a nivel mundial, hoxe decrépita, é outra mostra de declive do que a prensa se fai eco de forma repetida, no caso da prensa local galega, para compar con Ferrol.

En todos os casos, no apoxeo económico, nas vacas gordas, ninguén alviscou os perigos, ninguén, dos ricos, dos poderosos, molesteouse en preveer, en pensar no futuro. E si houbo alguén, por exemplo dende a economía que non comulga con verdades reveladas, como houbo na España da especulación inmobiliaria quen advertira dos males por vir,  ou foi silenciado, ou simplemente ignorado.

A mediados de xaneiro a prensa econónica faciase eco do proxecto que o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial, CDTI, que depende do Ministerio de Ciencia e Innovación, financia a oito empresas españolas,  coa meta de desenvolver tecnoloxía que posibilite o cultivo de carne, mediante o crecemento de células de animais en bioreatores. Unhas semanas despois o empresario español José Luis Cabañero, promotor de Eatable Adventures, declaraba nunha entrevista: “A carne colada é o futuro” ou “Aposto a que a leite producida en biorreatores será o primeiro producto clonado que atoparemos en supermercados”... No caso da carne apuntaba a un prazo de 20 anos para que esta esté dispoñible de forma masiva, e no caso da leite preveia un prazo moito menor, apenas en cinco anos.

Non serei eu quen cuestione a necesidade de investigar en calquera tipo de tema, sexa o cultivo de carne ou a producción de leite en biorreatores mediante a replicación de células mamarias, igual que antes se investigou, e se investiga, na mellora xenética ou na orixe do Universo. Pero semella preocupante que en Galicia, cun potente sector gandeiro, de producción de carne, e sobre todo de producción de leite de vacún (o 40% aproximadamente do total español) non estemos reflexionando sobre o impacto que estas innovacións, que sen dúbida chegarán, van ter na nosa economía e na nosa sociedade. Que efecto terán sobre a nosa economía unhas innovacións que faran innecesarias as explotacións ganderias, que fan superfluo o mundo rural como espazo de producción?. Movéndonos nun plano simplemente teórico: un biorreactor non precisa territorio, non precisa unha granxa, pódese instalar nun polígono industrial no arredores de calquera cidade... É un tema que non interesa?. Poden, chegado o caso, as empresas galegas sacar partido destas innovacións?.

Existen xa moitos documentos que defenden a producción de carne ou leite artificial con diferentes argumentos, dende a posibilidade de producir alimentos mais saudables ata o menor impacto ambiental desas produccións en comparanza coa gandeiría que hoxe coñecemos. Tamén se predica a bondade desas novas tecnoloxías tentando convencernos de que esa producción artificial contribuirá a erradicar a fame no mundo... como si a fame  fora un problema de escasez e non un problema de distribución, de desigualdade, de inxustiza, de poder.

Non sei si o optimismo sobre o potencial destas tecnoloxías ten unha base real ou simplemente atopamonos ante propaganda interesada. Pero seguramente deberiamos traballar para sabelo, cando menos tentar averiguar.

O futuro ten a mala costume de que fagamos o que fagamos sempre chega... algúns teñen ás veces a intención de tentar retrasalo, e incluso poden pensar que son quen de facelo... como quen pensa que co dedo pode ocultar o sol... pero o futuro sempre chega.

Podemos pensar que o futuro non chegara, igual que algúns tentan convencernos de que a Terra é plana, podemos sentarnos a agardalo como algo inevitable, ou podemos tentar influir nese futuro e sacarlle partido... que escollemos?.

Carne de boi. Fonte: Concello Allariz
Carne de boi. Fonte: Concello Allariz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.