"Durante máis de 40 anos ensinouse nas escolas que golpistas e franquistas eran xente moi boa"

Memoria Histórica da Barbanza critica aos empresarios que se opoñen a eliminar a simboloxía franquista de Ribeira.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 21/02/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

"Durante máis de 40 anos ensinouse nas escolas que golpistas e franquistas eran xente moi boa, moi católica e moi familiar, e que as persoas do bando contrario eran xente maligna á que había que exterminar. Con esta versión adulterada dos feitos repetida ata a saciedade, non é de estrañar que se siga repetindo aquelo que durante tantos anos foi inculcado". Memoria Histórica da Barbanza quere que se elimine a simboloxía franquista deste concello tal e como pedíu o BNG nunha iniciativa.

Unha proposta que xerou unha polémica neste concello xa que o presidente dos empresarios locais, Francisco Manuel Martínez, critica que isto supón un "gasto innecesario" de diñeiro e propón adiar este tipo de medidas. "Sabemos que este non é o único problema en Ribeira, por desgracia hai moitas máis cousas que cambiar no noso concello, pero pensamos que non é incompatible solucionar outros problemas e deixar de honrar  persoas antidemócratas e represoras, que non representan para nada o talante democrático da Ribeira actual", apunta este colectivo nun comunicado remitido ao GC.

Así, destaca que a retirada do nome de Miguel Rodríguez Bautista --recocñedido franquista-- do rueiro da vila supón cumprir coa lexislación vixente "para non seguir sendo un concello defensor do fascismo". "Ter o nome dun franquista nas nosas rúas identifícanos como franquistas. É esa a imaxe que quere dar un concello no que a inmensa maioría da poboación opta por un modelo democrático, e non pola ditadura?", sinala.

Ademais, lembra que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza leva anos intentando dar a coñecer unha parte da historia que foi "silenciada e terxiversada durante moitos anos" o que provocou que moita xente descoñeza "o detestable papel que desempeñaron algunhas persoas no sufrimento de moitas outras, e no espolio dos seus bens". Por iso, di que debería ser o propio concello e non un partido político o que pida que se cumpra a Lei de Memoria Histórica e mande retirar esa simboloxía.

Avenida Miguel Rodríguez Bautista, recoñecido franquista de Ribeira. O BNG pide a retirada do nome desta rúa e da simboloxía franquista
Avenida Miguel Rodríguez Bautista, recoñecido franquista de Ribeira. O BNG pide a retirada do nome desta rúa e da simboloxía franquista | Fonte: Youtube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta