A Xunta comeza a vacinación masiva dos maiores de 80 anos sen saber o número de doses que utilizará

Están chamados a ir aos centros de saúde das sete grandes cidades galegas e nos centros de cabeceira ou Puntos de Atención Continuada (PAC).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2021 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará este luns, 22 de febreiro, a vacinar fronte á Covid-19 ao groso das máis de 200.000 persoas maiores de 80 anos en Galicia, considerado un dos grupos prioritarios para recibir as doses, tras a proba piloto levada a cabo o pasado venres na área de Santiago e Barbanza.

Segundo confirmaron a Europa Press por parte da Consellería de Sanidade non poden cuantificar a cifra de doses que empregarán no inicio da vacinación deste grupo "porque dependerá dos envíos comprometidos polo Goberno central".

Ademais, aínda que as mesmas fontes de Sanidade destacaron que se comezou co chamamento destas persoas, aínda traballan na elaboración de listas. "Se non hai imprevistos cos envíos (de vacinas)", engadiron, este proceso, que levará a cabo só con dose de Pfizer, en maiores de 80 anos prevese prolongar ata "a primeira semana de maio".

Aínda que o groso da vacinación deste grupo comeza este luns, o venres 19 de febreiro levouse a cabo xa unha proba piloto a modo de ensaio. En concreto, oito equipos especiais de vacinación da área sanitaria de Santiago e Barbanza comezaron a pór as primeiras doses a persoas deste grupo en oito centros nos que foron citados 569 maiores de 80 anos, que en tres semanas recibirán a segunda.

PUNTOS DE VACINACIÓN

Por parte da Consellería de Sanidade explicouse que para a vacinación dos maiores de 80 anos os puntos de vacinación, debido ás condicións de transporte e conservación das doses, levará a cabo nos centros de saúde das sete grandes cidades galegas e nos centros de cabeceira ou Puntos de Atención Continuada (PAC).

Deste xeito, a Xunta prevé que este proceso de vacinación de maiores de 80 anos se leve a cabo en 400 puntos. Ademais, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou tras o comité clínico do pasado 15 de febreiro, que no caso de que "por razóns de mobilidade" non poidan desprazarse, acudirán "ao domicilio de cada un deles".

O mandatario galego estimou que, por porcentaxe de poboación de máis de 80 anos, a este colectivo correspóndelle un 8,2 por cento das doses na fase actual.

Inicio da campaña de vacinación fronte á Covid-19 para o colectivo de maiores de 80 anos no centro de saúde de Milladoiro no marco dunha proba piloto.. ANA VARELA /XUNTA DE GALICIA / Europa Press
Inicio da campaña de vacinación fronte á Covid-19 para o colectivo de maiores de 80 anos no centro de saúde de Milladoiro no marco dunha proba piloto.. ANA VARELA /XUNTA DE GALICIA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta