O alcalde de Santiago espera unha "flexibilidade prudente" das restricións pola covid-19

Bugallo confía nun alivio do peche perimetral, "un golpe terrible para a hostalaría e o comercio".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/02/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, espera que este luns a Xunta de Galicia e o Comité Clínico, "flexibilicen" algunhas das restricións por covid-19 ás que se viu sometida a capital galega desde novembro, "especialmente en canto ao peche perimetral", aínda que recalcou que a prudencia debe marcar as novas medidas.

"Confío en que se levante o peche perimetral cos municipios lindeiros e con aqueles concellos que teñen unha incidencia acumulada de menos de 250 casos. Estes peches supuxeron un golpe terrible para a hostalaría, pero sobre todo para o comercio", indicou o rexedor compostelán en rolda de prensa.

"Espero tamén un levantamento próximo das restricións para a hostalaría, aínda que con horarios e espazos acoutados", engadiu Bugallo, que fixo especial fincapé na cautela que debe reinar na toma de decisións. "Estamos a evolucionar moi positivamente, pero hai que ter en conta que custa moito baixar as cifras e que estas poden subir moi rápido", sinalou.

O alcalde apelou unha vez máis á responsabilidade e a prudencia para conseguir manter "a tendencia tan positiva rexistrada ata o momento", que deixa os casos activos na cidade, a 22 de febreiro, en 195. A incidencia acumulada a 14 días, segundo indicou Bugallo, atópase en 157 casos por 100.000 habitantes.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo / Europa Press / Europa Press
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta