A Deputación de Pontevedra reivindica a súa 'Axenda Feminista' cunha "potente" programación para o 8M

Carmela Silva denuncia que a Axenda Feminista está desaparecida do discurso político.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2021 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes "a programación máis potente" que impulsa a institución con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, durante un acto no que tamén reivindicou a 'Axenda feminista' que leva adiante o goberno provincial.

Neste mesmo acto desenvolveuse a performance 'Palabras como Gacelas, da poeta Miriam Ferradáns, e nel participaron as artistas que protagonizarán accións con motivo do 8M en Pontevedra e Vigo, Celeste Garrido e Luz Darriba, así como as deseñadoras das máscaras da V Edición do programa 'Abrandares en acción. Violencia Zero', Laura Romeu, Lara Lars e Gemma Marqués.

Carmela Silva criticou na súa intervención que a Axenda Feminista está desaparecida do discurso político, polo que "todas as accións" do Goberno provincial están destinadas a recuperala.

Na Deputación, destacou, a Axenda Feminista sitúase contra as violencias machistas, pola abolición da prostitución, a corresponsabilidade nos coidados, o rexeitamento aos ventres de aluguer, por erradicar a hipersexualización e cosificación do corpo das mulleres e das nenas e por denunciar e romper coas precariedades das mulleres e pór fin á brecha salarial.

A axenda tamén esixe presenza igualitaria (50% de poder), visibilización das achegas das mulleres e educación en igualdade como eixo transversal.

ACTOS DO 8 DE MARZO

Os actos centrais do 8 de marzo terán lugar ás 11,00 horas na cidade de Pontevedra, cunha acción colaborativa no espazo público a cargo de Celeste Garrido, denominada 'Un feminismo inquebrantable. Ás 18,00 horas, en Vigo, terá lugar 'Coidarmos', de Luz Darriba, unha homenaxe a todas as mulleres que están en primeira liña na loita contra a pandemia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na sede do organismo provincial en Vigo.. PABLO HERNANDEZ GAMARRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na sede do organismo provincial en Vigo.. PABLO HERNANDEZ GAMARRA

Na programación tamén se inclúe a cuarta edición do Encontro 'As Mulleres que opinan son perigosas', que terá lugar o venres 5 e o sábado 6 de marzo. Contará con 12 relatorios e 16 mulleres convidadas.

Dentro da reivindicación da historia das mulleres, a presidenta da Deputación enmarcou unha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela en 'Pontevedra en América: unha mirada en feminino', un traballo que rescata unha mirada feminina na emigración.

Así mesmo, xunto á Universidade de Vigo, crearase un 'Comité de Sabias' na Cátedra de Feminismos 4.0 "para continuar o legado de María Vinyals ou Emilia Pardo Bazán que se reunían para intercambiar ideas", explicou Carmela Silva. "Visibilizamos académicas para ser referentes", engadiu.

DÍA DA POESÍA E MULLER NO DEPORTE

O Día da Poesía, o 21 de marzo, celebrarase con poetas que gravarán e interpretarán pezas de escritoras feministas e, no ámbito do deporte, o 16 de marzo estrearase "un vídeo reivindicativo sobre as inxustizas e desigualdades ás que se enfrontan as mulleres".

A ciencia tamén ocupará un lugar destacado nesta programación, co ciclo 'Ciencia en feminino', que contará coa participación de Zulema Altamirano Argudo, directora da Unidade de Mulleres e Ciencia do Ministerio de Ciencia e Innovación e coa vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro, Marisol Soengas.

Ademais, desde o día 5 de marzo e ata o 31, as fachadas das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo lucirán unhas pancartas "reivindicando a nosa axenda feminista", segundo anunciou a presidenta Carmela Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta