A intervención de case tres toneladas de cocaína sáldase coa detención de nove persoas nun buque fronte a Ribadeo

A nave estaba en alta mar fronte á costa galega e ao seren descubertos pretenderon afundir o barco.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia
Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria xunto con axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, coa colaboración da Armada Española, interviñeron case tres toneladas de cocaína nun buque en alta mar fronte ás costas de Ribadeo.

Buque intervido con case tres toneladas de droga fronte ás costas galegas.. AXENCIA TRIBUTARIA
Buque intervido con case tres toneladas de droga fronte ás costas galegas.. AXENCIA TRIBUTARIA

Segundo confirmou a Axencia Tributaria, no operativo denominado ' Bocanegra' foron detidos os nove tripulantes que, ante o asalto do buque por parte do GEO da Policía Nacional, "non dubidaron en abrir unha vía de auga para afundilo co fin de eliminar todas as probas". A investigación conxunta iniciouse no mes de maio do pasado ano, tras ter coñecemento das supostas actividades ilícitas dunha organización criminal asentada na comarca pontevedresa do Salnés.

Froito da análise de toda a información obtida ao longo desta investigación, coordinada polo Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional, os axentes reuniron unha serie de indicios que apuntaban á "existencia dun mercante que podería transportar unha notoria cantidade de cocaína, a cal sería transbordada a outras embarcacións nalgún punto indeterminado das costas galegas", relataron as mesmas fontes.

Por todo iso, a investigación centrouse nun buque de nome ' Nehir', de 52 metros de eslora e bandeira da República de Palau, cuxas características e roteiro de navegación "encaixaban perfectamente co posible obxectivo da operación policial", subliñou a Axencia Tributaria.

Ao mesmo tempo, os axentes tamén corroboraron que, debido a unha alerta meteorolóxica no litoral atlántico, non se podería facer transbordo a ningún outro barco ao paso do 'Nehir' polas costas galegas, motivo polo cal, tras a pertinente reunión no Gabinete de Coordinación e Estudos do CITCO da Secretaría de Estado de Seguridade, decidiuse a interceptación da nave.

PATRULLEIRO ' SERVIOLA'

Desta maneira, o buque de acción marítima ' Serviola' da Armada Española, con forzas especializadas a bordo dos tres corpos intervenientes e apoiado por un helicóptero e tres patrulleiras de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria das Bases da Coruña, Ribadeo e Santander e unha patrulleira do Servizo Marítimo da Comandancia de Xixón da Garda Civil, localizaron á primeira hora deste luns o mercante fronte ás costas de Ribadeo.

En concreto, nesta operación denominada ' Bocanegra' participaron efectivos do Greco Galicia e ECO Pontevedra, segundo confirmaron a Europa Press fontes próximas á investigación. O buque foi abordado polo GEO da Policía Nacional, que localizou "unha gran cantidade de fardos, similares aos habitualmente utilizados para transportar substancias estupefacientes, ocultos nun compartimento do barco", destacan as mesmas fontes.

AFUNDIDO

Durante o asalto, a tripulación do ' Nehir', "véndose sen ningunha posibilidade de fuxida, accionou algún dispositivo que provocou a rápida inundación de todos os compartimentos da nave", subliñan as mesmas fontes, "coa intención de non deixar rastro algún da súa carga ilícita conseguindo que, en pouco máis de dúas horas, o buque afundísese totalmente".

"A rápida acción de todos os axentes e tripulación do ' Serviola' permitiu, non só a recuperación de todos os fardos onde viña a droga e o resto de efectos relacionados cos feitos investigados, senón tamén e máis importante, o rescate de toda a tripulación do ' Nehir' sen dano algún", aseguran.

Na madrugada deste martes, o ' Serviola' chegou ao porto do Arsenal Militar de Ferrol, onde ten base, cos detidos e a substancia estupefaciente intervida a cal, unha vez en terra, alcanzou un peso dunhas tres toneladas de cocaína. A droga foi trasladada posteriormente á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Os nove tripulantes, todos eles detidos e de nacionalidades xeorxiana e turca, serán postos ao dispor da autoridade xudicial nos próximos días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta