"Énchenselles a boca dicindo que nos van a axudar, pero non chegan", critica un hostaleiro

Ascega denuncia a "exclusión" de hostaleiros nas axudas da Xunta pola aplicación de baremos "inxustos".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/02/2021 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

A Asociación de Emprendedores de Galicia (Ascega) denunciou que numerosos hostaleiros "foron excluídos das axudas da Xunta debido aos peches pola pandemia de coronavirus polos inxustos baremos das bases que as regulan".

Nun comunicado, o vogal do grupo de Hostalaría, Diego Lis, explica como entre o ano 2019 e o ano 2020 o empresario que pedía subvención, debía diminuír os seus ingresos nun mínimo do 45%.

Varios vehículos participan nunha caravana de protesta convocada polo sector hostaleiro na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Varios vehículos participan nunha caravana de protesta convocada polo sector hostaleiro na Coruña. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

"No meu caso, o descenso é do 43% e non podo acceder a dúas das tres axudas publicadas nos últimos días. Son autónomo e teño persoal ao cargo, pero quedo fóra", critica. Ademais, apunta que "este condicionante parte a baralla pola metade e hai centos de casos", advirte Lis, que cuestiona que se poñan "estes límites coa que está a caer".

O hostaleiro coruñés censura que os representantes de asociacións do sector das distintas provincias puidesen aceptar estes requisitos na mesa de negociación co Goberno galego e non se explica "como non rompen" o diálogo. "Se se trata de axudar aos autónomos, que o único baremo sexa o das vendas non ten sentido", recalca.

Entre esta semana e a pasada, expón o representante de Ascega, publicáronse tres liñas autonómicas, dúas delas para autónomos (unha, en xeral, e outra para aqueles que teñen persoal), con ata 5.200 euros de dotación entre ambas, e outra, en exclusiva para hostalaría, con 2.700 euros de tope. Con todo, o baremo e o montante final, insiste, fan que sexan "insuficientes".

PLAN DE RESCATE

"Obrígannos a pechar. Énchenselles a boca dicindo que nos van a axudar e despois os condicionantes fai que non cheguemos a recibilas", sostén Lis. "Unha vez máis son insuficientes, non son proporcionais e deixan a moita xente fóra, como as anteriores", recalca o hosteleiro.

Por outra banda, cualifica de "negro" o panorama e esixe que o resto de administracións convoquen xa un verdadeiro plan de rescate para o sector. E apostila que "estamos a esperar a ver que fai o Concello da Coruña co novo Presco -di sobre o plan de axudas á reactivación social e económica- e se a Deputación e o Goberno fan algo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta