Aberto o prazo para solicitar a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato

A Xunta pon a disposición dos interesados e interesadas de forma gratuíta as guías do alumnado de bacharelato semipresencial no Portal Educativo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publica este mércores, 24 de febreiro, a convocatoria da proba para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.

Estudante galega con apuntamentos e estoxo nunha aula de Galicia. ANA VARELA
Estudante galega con apuntamentos e estoxo nunha aula de Galicia. ANA VARELA | Fonte: XUNTA - Arquivo

O obxectivo desta iniciativa é que as persoas que non obtiveron esta cualificación a través dos ensinos regulados, poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre.

Como recursos didácticos de apoio para preparar os exames, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ofrece de forma libre e gratuíta as guías do alumnado de bacharelato semipresencial (LOMCE) no Portal Educativo.

Para poder participar nestas probas, as persoas candidatas deberán ter 20 anos cumpridos ou cumprilos dentro do ano 2021 e non dispoñer deste título ou equivalente nin atoparse cursando ensinos de Bacharelato en ningún dos réximes (presencial, semipresencial ou a distancia) neste curso.

O prazo de presentación das solicitudes estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021. O exame celebrarase o próximo 23 de abril no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse en soporte papel ou utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá facer a inscrición son o Centro de Educación para Adultos (EPA) Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta