A Deputación da Coruña, "decidida" a presentar recurso sobre o Pazo de Meirás

Destaca que "non se debe indemnizar á familia".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/02/2021 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

O goberno da Deputación da Coruña manifestou que está "decidido" a presentar recurso xudicial á sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que determina que o Pazo de Meirás pertence ao patrimonio público, pero que establece unha indemnización á familia Franco polos gastos de mantemento do inmoble.

Así, o goberno provincial entende que os herdeiros do ditador "xa se beneficiaron durante moitos anos a nivel particular dun uso dun edificio público", polo que rexeitan esta indemnización.

Os deputados Bernardo Fernández e Xosé Luís Penas transmitirán esta decisión do goberno provincial aos membros da Xunta prol Devolución do Pazo de Meirás nunha reunión telemática este mércores na que se reúnen diferentes especialistas, organismos e entidades representadas para analizar o contido da sentenza e a situación actual.

Na Xunta Prol Devolución están representados os concellos de Sada e A Coruña, as universidades, entidades de recuperación da memoria histórica e especialistas como Emilio Grandío e Xabier Ferreira, autores dos informes histórico-xurídicos cos que a Deputación da Coruña impulsou unha das vías para a recuperación do pazo.

"NON SE DEBE INDEMNIZAR Á FAMILIA"

Segundo explica nun comunicado, a Deputación da Coruña entende que o recurso continúa o camiño iniciado por esta institución de contribuír á devolución das Torres de Meirás ao patrimonio público, achegando "argumentos e datos que fundamentan esta decisión", ademais de "responder á opinión amplamente maioritaria" manifestada por moitos dos membros desta plataforma de que "non se debe indemnizar á familia".

Os representantes da Deputación da Coruña nesta plataforma subliñan que esta institución desenvolveu "un intenso traballo participativo" que sumou forzas de institucións e entidades para conseguir "facer xustiza e conseguir recuperar a titularidade pública do Pazo".

Por iso, quere agora "levar esta vontade ata as últimas consecuencias", para "conseguir que este capítulo do franquismo chegue ao seu fin e o Pazo de Meirás poida ser un espazo compartido socialmnete e non privado da familia do ditador".

A titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, Marta Canles, entrega á avogada xeral do Estado, Consolo Castro, as chaves do pazo de Meirás. EUROPA PRESS/M.Dylan.POOL - Europa Press / Europa Press
A titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, Marta Canles, entrega á avogada xeral do Estado, Consolo Castro, as chaves do pazo de Meirás. EUROPA PRESS/M.Dylan.POOL - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta