O PP asegura que a espera para oncoloxía se reduciu mentres que a oposición denuncia demoras en diagnósticos

Os grupos da oposición apuran á Xunta para que "poña o foco" nos diagnósticos porque senón reducirase a posibilidade de curación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O tempo medio de espera para acceder a unha consulta desde o contacto con Atención Primaria dun paciente con sospeita de cancro situouse en 3,7 días en 2020, o que supón unha redución de catro días respecto ao ano anterior.

Así o detallou a deputada 'popular' Marta Rodríguez-Vispo durante o debate dunha Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo Grupo Parlamentario do BNG no pleno do Parlamento de Galicia celebrado para abordar o impacto da pandemia no diagnóstico de patoloxías oncolóxicas e que foi rexeitada.

Así mesmo, sinalou que, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Galicia está entre as cinco comunidades "con menor espera cirúrxica" e precisou que en 2020 o tempo de espera de intervencións de prioridade 1 ascendeu a 17,8 días, o que supón un incremento respecto de 2019, cando se situou en 16,7 días.

Así as cousas, reivindicou que o Decreto de tempos máximos de espera en Galicia representa "o mellor recurso" para garantir a asistencia e incidiu en que "os servizos de Oncoloxía non deixaron de traballar" durante a pandemia, aínda que recoñeceu as consecuencias que causou ao motivar a suspensión de cribados e o medo dos pacientes a acudir aos centros de saúde.

ATRASO NAS CONSULTAS

Pola súa banda, a deputada do Grupo Parlamentario do BNG defendeu a PNL presentada e recalcou que o atraso nas consultas oncolóxicas, que nos primeiros 10 meses de 2020 afectou ao 10%, representa "un problema que ten todo o planeta" relacionado coa situación derivada da pandemia.

Aínda que recoñeceu que "as vías rápidas funcionan", insistiu en que os diagnósticos se demoran en maior medida, polo que urxiu a dotación dos medios, os recursos e o persoal precisos "para afrontar a situación". Así, incidiu na necesidade de que os grupos parlamentarios alcancen un acordo para solicitar un "plan de choque" que palíe esta situación, xa que os diagnósticos "máis tardíos" de patoloxías oncolóxicas levan un peor prognóstico.

Mentres, o deputado do Grupo Parlamentario Socialista Julio Torrado explicou que a pandemia non afectou aos pacientes en tratamento, senón a aqueles aos que non se lles diagnosticou un cancro e evitaron desprazarse a un centro de saúde por medo a contaxiarse de coronavirus ou a trasladarse sen que fose necesario. Nesta liña, identificou o diagnóstico de cancros como o "problema" detectado en 2020 e advertiu de que "se non se pon o foco" no mesmo reducirase a posibilidade de curación dos pacientes.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta