Os concellos das áreas de Ferrol, A Coruña e Pontevedra con menos de 500 casos de incidencia poderán interactuar entre si

Nas tres áreas sanitarias, a hostalaría dos concellos non perimetrados só poderá abrir ao 50% en terraza.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2021 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Os concellos das áreas sanitarias de Ferrol, A Coruña e Pontevedra terán mobilidade interna entre todos eles, agás que a súa incidencia estea por enriba dos 500 casos por 100.000 habitantes, nese caso permanecerán pechados perimetralmente e coa hostalaría pechada. No resto, independentemente de que estean por enriba ou por baixo dos 250 casos, bares e restaurantes só poderán operar en terraza ao 50%.

Varios axentes da Policía Local realizando un control de mobilidade na saída de Santiago de Compostela
Varios axentes da Policía Local realizando un control de mobilidade na saída de Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Pola súa banda, os cidadáns do resto de áreas sanitarias poderanse mover a calquera outro concello, sempre que estea no mesmo nivel de incidencia (ou por baixo de 250 casos ou entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes). Todo iso, coa excepción para todos os concellos que superen os 500 casos por 100.000 habitantes.

En concreto, como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) deste xoves para as medidas que entran en vigor a medianoite deste venres, hai 10 concellos pechados en toda a xeografía porque superan os 500 casos por 100.000 habitantes.

Tras escoitar as propostas do comité clínico que asesora ao Goberno, a Xunta decidiu reabrir parte da mobilidade pero con limitacións, así como abrir parcialmente a hostalaría. Por unha banda deixa unha decena de concellos perimetrados.

En segundo lugar, permite a mobilidade no territorio galego, de forma que os cidadáns poderán acudir a municipios que se atopen no mesmo rango de incidencia, xa sexa un traslado de Santiago a Ourense ou de Lugo a Vigo, por exemplo.

E en terceiro lugar, implanta unha restrición perimetral para as áreas sanitarias de Ferrol, A Coruña e Pontevedra-Salnés. Neste caso, non importa a franxa de incidencia de contaxios por covid que haxa e a mobilidade está permitida en todo o perímetro (agás para os concellos pechados perimetralmente).

Isto prodúcese porque nestas tres áreas, onde a ocupación UCI é máis preocupante, a hostalaría só poderá abrir en terraza ao 50% en todos os concellos por baixo dos 500 casos. No resto de áreas, abrirá ao 30% en interiores e 50% en terraza nos 197 concellos por baixo de 250 casos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta