O “inxenuo” pintor naïf

O último número monográfico da revista Desperta Ferro recolle diversos traballos sobre a batalla do Ebro, entre eles, unha síntese das escavacións realizadas polo noso equipo en La Fatarella (Tarragona) en setembro de 2011. Outro dos artigos, firmado por Angela Jackson, céntrase no heroico traballo desenvolto polas enfermeiras e padioleiros do bando republicano. Nas mesmas condicións actuaron os sanitarios e padioleiros do bando nacional. Un destes padioleiros fascistas foi Manuel Lema Otero (1906-1991). Nado na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños, A Coruña), este personaxe de Cunqueiro foi na postguerra albanel, carpinteiro, encofrador, labrego e inventor. Foi o artífice de inxenios como a tella plana de cemento, unha bomba automática de subir auga sen gasto de enerxía, un sistema de alarma antiincendios, un sistema de elaboración de gas metano a partir do esterco, unha escopeta de canos, un libro de quinielas, un molde para a elaboración de capiteis para cruceiros, un termómetro para medir a temperatura dos fornos e unha serie de xoguetes articulados. En todo caso, o invento patentado que lle deu algo de cartos foi unha incubadora de polos. O éxito deste trebello na bisbarra de Bergantiños fixo que se lle coñecese como Manolo “o dos pitos”.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 22/08/2013

Comparte esta noticia
Pero a creatividade de Manuel acadaba a súa maior expresión na pintura. En 1982 participou no Concurso de arte naïf o ingenuista gallego organizado pola Fundación Barrié de la Maza e gañou o primeiro premio. Presidindo o tribunal atopábase José Filgueira Valverde, galeguista tradicionalista na preguerra, franquista convencido que fixo carreira política na ditadura, e Conselleiro de Cultura no goberno autonómico de Alianza Popular. A Fundación que organizaba o certame fóra fundada por Barrié de la Maza, banqueiro e industrial coruñés, amigo de Franco dende a mocedade, que financiou o golpe de Estado e recibiu como contrapartida os beneficios dos encoros construídos polo Rexime en Galicia. De feito, Franco concedeulle o título de conde de FENOSA. A súa viúva foi a encargada de dar o premio a Manuel Lema Otero, pola súa obra naïf titulada: La batalla del Ebro. Este cadro forma parte da afección pola historia de Manuel, que mistura coas súas experiencias persoais. Froito do seu paso como canteiro polas escavacións arqueolóxicas no castro de A Cidá de Borneiro, son unha serie de cadros nos que recrea o pasado céltico do seu pobo ou as ofrendas dos druídas no dolmen de Dombate.
 
Este é o testemuño de Manuel, recolleito polo xornalista Ezequiel Pérez Montes nunha entrevista surrealista para El Ideal Gallego a raíz da concesión do premio en 1982:
 
Es que yo hice la guerra civil. Yo estuve con Franco, que era una buenísima persona, al que admiro mucho. Fui camillero en el Ebro. Y vi el desastre: árboles sin ramas y en cada rama, un trozo de brazo o de muslo. O chiquillos de 14 años con la cabeza atravesada por un balazo. Y fotos de las novias y de las madres, empapadas en sangre y en manos de moribundos. Y pinté, pinté lo que recuerdo como el primer día. Este cuadro no es mentira, es mi vida como yo la veo y mi tristeza de aquel tiempo como la recuerdo. De verdad. Yo no sé si esto es ingenuo, pero es muy triste. También estuve en la toma de Madrid y de Barcelona. No quise ser cabo. Me hirieron dos veces en la mandíbula y en los dientes. Me los saltaron. Nunca me los puse. Ahora, con este dinero [200.000 pesetas], me los voy a poner. Porque yo quiero comer lacón con grelos y me gusta el vino de la tierra. También juego a las quinielas y me tocaron tres premios pequeniños. No aún no fui a ver la exposición a la que presenté diez cuadros pero en cuanto termine de hablar con usted, me voy a escape.
 
En La batalla del Ebro, Manuel reflicte unha visión apocalíptica dos horrores da guerra, que coincide co testemuño dos supervivientes daquela carnicería. Sobre os esqueletes, aos que acoden moscas azuis, érguese un remoíño. As campás do ceo e da terra repican entre nubes invadidas polas cores da batalla. No remoíño podemos ler: En el tiempo y en el espacio han sonado las campanas del cielo y de la tierra, pero no les hemos hecho caso…
 
Este é un tema que aínda está por estudar. A plasmación artística da lembranza da guerra e os efectos do shock postraumático neses soldados que seguen sendo pezas anónimas no discurso historiográfico sobre a guerra civil que aínda sobrancea hoxendía.
 
P.S. O grande soño de Manuel era ir a Turín e iniciar unha investigación sobre a Sábana Santa, co gallo de descifrala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA