Os centros de día reclaman á Xunta melloras dentro do plan de reactivación despois da pandemia

"Esta situación está a mostrarnos que somos moito máis eficaces coa implicación, organización e coordinación de todos os axentes implicados" din desde a Asociación de Centros de Día de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

A Asociación de Centros de Día de Galicia presentou á Xunta e aos grupos parlamentarios galegos un informe sobre o impacto da pandemia da covid nestes equipamentos, para a súa consideración no plan de reactivación económica e social da comunidade.

En outubro, a plataforma de centros de día converteuse en asociación. E é que, segundo explica, os acontecementos "puxeron de manifesto a necesidade de recorrer ao asociacionismo como única vía para defender os intereses do sector, así como de ter un interlocutor válido que o represente no diálogo e negociacións coas administracións".

"Esta situación está a mostrarnos que somos moito máis eficaces coa implicación, organización e coordinación de todos os axentes implicados", subliña. No informe, expón unha serie de melloras para os centros de día, como que a administración "teña en consideración a experiencia e coñecemento do sector á hora de tomar decisións que lles afecten directamente" e que se recoñeza a estes equipamentos como "servizos esenciais".

Respecto diso, apunta que o servizo de axuda no fogar representa "un recurso máis" pero "en ningún caso substitúe os servizos prestados nos centros de día". A asociación entende tamén que a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria ten un papel "fundamental" na posta en marcha de accións de mellora e coordinación dos centros de día coa atención primaria. Neste sentido, reclama "mecanismos de interacción que permitan elaborar un mapa das necesidades e pór sobre a mesa propostas de como abordalas".

O CUSTO DOS PECHES

Advirte de que os peches dos centros de día, "ademais de supor un custo humano moi elevado, tamén supuxeron un custo excesivo para a Xunta e concellos", que cifra en 8 millóns no servizo de atención no fogar "extraordinario", 11 en bonos 'Coidado familia' e axudas directas para os custos fixos dos centros de día.

"O estado aforraría moito diñeiro se os centros de día non tivesen pechado", conclúe. Por último, apunta que a pandemia "evidenciou a necesidade de coordinación sociosanitaria que facilite a cooperación entre o sistema de saúde e o sistema de servizos sociais".

A asociación de centros de día de Galicia entregou un informe aos grupos parlamentarios. ASOCIACIÓN DE CENTROS DE DÍA
A asociación de centros de día de Galicia entregou un informe aos grupos parlamentarios. ASOCIACIÓN DE CENTROS DE DÍA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta