Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/02/2021 | Actualizada ás 11:38
A Plataforma na Defensa da Hostalería acusou a Xunta de someter o sector a un "estado policial" e pediu diálogo para revisar as medias que entraron en vigor o venres, cunha mesa permanente para avaliar as novas decisións a adoptar.
O colectivo volve esixir un plan de rescate real, "acorde á gravísima situación" que atravesa o sector. "O sector non discute polas estratexias sanitarias para vencer á covid, pero esixe o cumprimento dun principio básico da economía de mercado: quen impide o exercicio dunha actividade legalmente establecida, paga", subliña na nota de prensa.
Nesta liña, a plataforma denuncia a "total falta de diálogo" co sector por parte da Administración galega nun contexto no que as normas fixeron "pechar" a un bo número de empresarios do sector.
Así mesmo, considera que a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 25 de febreiro, que abriu a desescalada na hostalaría, é un "documento confuso, alleo á realidade, falto de claridade, diferido e que somete o sector a un estado policial".
"Contén apartados que baixo a nosa opinión vulneran preceptos amparados por normas de rango superior e conculcan dereitos fundamentais", sinala a plataforma, que estuda recorrela ante os tribunais oportunos.
"Unha norma tan retorcida só pode ser froito da falta de diálogo cos interlocutores adecuados, do descoñecemento ou da intención de recuperar, pola vía das sancións, os escasos recursos achegados ao sector", denuncian.
E é que, para a plataforma, este texto "profunda na culpabilizaicón da hostalaría" que, ao seu xuízo, realizan tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como os titulares de Sanidade e Turismo, Julio García Comesaña e Alfonso Rueda, respectivamente.
Ademais, tras apuntar que Madrid tamén está "a dobregar a curva" a pesar de ter a hostalaría aberta, rexeitan a "intervención policial dos negocios" e o feito de que un axente se poida converter en "inspector, instrutor e sancionador no mesmo acto".
"As irresponsabilidades do Nadal, que tanto mencionan estes cargos políticos e que segundo eles nos trouxeron esta terceira onda de contaxios, é posible que tivesen que ver máis coas acumulacións de xente noutros espazos pechados con poucas medidas hixiénicas e sen control algún sobre os seus movementos ou comportamentos", aseguran os hostaleiros, que se preguntan se só hai inspeccións e controis para o seu sector.
INTENSIFICAR A VIXILANCIA
A Xunta destaca o "xeral" respecto das medidas contra a covid-19 nos dous primeiros días tras a reapertura da hostalaría en Galicia, pero detecta tamén "incumprimentos", algúns deles "flagrantes", por parte dos clientes e os responsables dos negocios.
Así o aseverou este sábado o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen advertiu que estas condutas "teñen que acabarse". Por iso, confirmou que "esta fin de semana intensificarase a vixilancia" nos locais.
Rueda avisou de que as forzas e corpos de seguridade do Estado e os efectivos locais que participan nesta campaña de vixilancia non terán "ningunha dúbida" para "denunciar e sancionar" as condutas infractoras.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tamén avisou este sábado de que unha "cantidade moi considerable" de establecementos hostaleiros "non abriu coas condicións fixadas", polo que o seu "comportamento irresponsable" está "a pór en risco a todos". "Os que incumpren xóganse o peche futuro dos seus locais, pero tamén dos que están a cumprir as normas", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.