Os socialistas piden prudencia na desescalada

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pide tamén "axilidade" na vacinación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/02/2021 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou á "prudencia" e á "responsabilidade" da cidadanía ante o inicio das desescalada para evitar ter que "retroceder", á vez que pediu á Xunta "axilidade" no proceso de vacinación.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Xunto ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, Caballero asegurou que a súa formación non quere "estar a cuestionar" cada medida adoptada pola Xunta.

Con todo, lembrou que a terceira onda "foi moi dura", en alusión ás cifras de contaxios e de falecementos, polo que subliñou a necesidade de que a cidadanía sexa prudente para "non retroceder" despois do "fracaso" da estratexia da Xunta de "salvar o Nadal".

Ao tempo, Gonzalo Caballero deixou claro que o Goberno galego ten que manter "todo o apoio" á hostalaría, ao comercio, á cultura e ao deporte, que sufriron as maiores restricións debido á pandemia e que seguen "pasando moitas dificultades". "O primeiro semestre vai ser moi complexo", advertiu.

A partir de aí, tras reiterar que o PSdeG "non vai cuestionar as restricións" que adopte a Xunta, o responsable socialista puxo o foco na importancia de "ser moi rigorosos, transparentes e eficientes" na utilización das vacinas que chegan da Unión Europea.

AXILIDADE NA VACINACIÓN

Neste punto, emprazou a Feijóo a abandonar os "debates baleiros e a estratexia de confrontación" co Executivo que lidera Pedro Sánchez ao redor de chegada das vacinas porque "non beneficia a ninguén".

Ademais, despois de que o presidente da Xunta tivese que "rectificar" ante o envío das vacinas o luns, o que pediu o dirixente do PSdeG é "axilidade" á hora de polas.

De feito, lembrou que actualmente hai 35.000 doses dispoñibles que o Sergas aínda non administrou das máis de 235.000 que chegaron a Galicia e sinalou que é necesario que "se usen canto antes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta