Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/02/2021 | Actualizada ás 19:35
Máis de 3.000 persoas e un cento de colectivos prestaron o seu apoio ao manifesto promovido por Iniciativa Galega pola Memoria que reclama ao Estado que recorra a "inasumible" sentenza que obriga a indemnizar aos herdeiros do ditador Francisco Franco pola recuperación para patrimonio público do Pazo de Meirás.
Así, as entidades agrupadas en Iniciativa Galega pola Memoria solicitaron reunións co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e os grupos parlamentarios para instalos a que promovan a presentación do recurso de casación ante o Tribunal Supremo pola sentenza da Audiencia Provincial da Coruña.
O colectivo considera que o fallo da audiencia supón "un paso atrás" que é "imprescindible" reverter para que Meirás poida ser "un símbolo de entendemento, de ruptura co franquismo e de afondamento nos valores democráticos que deben caracterizar" á sociedade.
Por iso, Iniciativa reivindica que non pode aceptarse un fallo xudicial que "branquea a figura do ditador" e, ao mesmo tempo, "pon en dúbida os procesos represivos cos que o pazo chegou a mans do Franco".
Así as cousas, celebrou o paso anunciado por parte da Deputación da Coruña e os concellos de Sada e A Coruña, que nos últimos días anunciaron a presentación de recursos "aínda conscientes das poucas probabilidades de admisión e estimación deste tipo" de apelacións ante o Supremo.
Neste sentido, instan a Xunta e Estado a tomar exemplo destas institucións porque recorrer esta sentenza "é a única opción defendible nunha democracia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.