O alumnado da USC volve ás aulas con ganas: "aprender presencialmente é a mellor maneira"

O sábado comezou o cribado nas universidades galegas no que participarán uns 53.000 alumnos e alumnas. O alumnado do Campus de Santiago poderá facerse a proba serolóxica no pavillón de deportes ao longo desta semana.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os alumnos e alumnas das universidades galegas retoman as clases presenciais despois dun mes de clases online establecido polo Comité Clínico da Consellería de Sanidade debido ao elevado número de casos activos de Covid-19 en Galicia a finais de xaneiro.

Alumnado da Facultade de Comunicación volve ás aulas
Alumnado da Facultade de Comunicación volve ás aulas

No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a volta ás aulas estaba prevista para o 1 de febreiro, tras o remate de exames, que se levaron a cabo de forma presencial a pesar dos datos preocupantes polo aumento de do Comité Clínico da Xunta.

O alumnado da USC denunciou que a xestión da realizacións dos exames presenciais durante as últimas semanas de xaneiro foi "nefasta" por parte da USC, xa que nas aulas non se garantía a distancia de seguridade mínima ao estar todo o alumnado dunha mesma materia nunha aula. 

Ademais, como explica Marta, alumna de Filoloxía na USC, "non tivo sentido" que se celebraran os exames presenciais e que, unha semana máis tarde, tiveran que quedar na casa e comezar as clases universitarias unha semana despois do establecido, o 8 de febreiro, e "encima" online.

CLASES ONLINE

Con respecto á opinión do alumnado con respecto ás clases online, a maioría defende que é moito máis difícil manter a atención e a concentración que nas clases presenciais, xa que "se tes que ir a clase presencial, tes que vestirte e ir ata alí, polo que estás máis desperto para atender, pero se non tes nin que levantarte da cama para conectarte online, é moi doado perderse ou distraerse", explica Manuel, alumno de Xornalismo na USC

Por outra parte, defenden que os profesores da universidade tampoco coñecen as técnicas nin as didácticas necesarias para dar clase online, polo que dan a materia da mesma forma que presencial, e "non consiguen que a xente estea interesada no contido da mesma maneira que presencial".

MEDIDAS DE SEGURIDADE E CRIBADOS

Despois dun mes tendo clases online, o alumnado resaltou as súas ganas de volver ás clases presenciais para volver aos seus pisos ou residencias de estudantes, por ver aos seus compañeiros e compañeiras, e por poder aprender presencialmente, que afirman "é a mellor maneira", defende Pedro, estudante de Filoloxía na USC.

Así, o alumnado preguntado cre que as medidas de seguridade adoptadas pola USC para protexelos do virus serán "como as do primeiro cuadrimestre" e non como as adoptadas durante os exames presenciais, polo que están tranquilos.

Por outra banda, esta semana o alumnado da USC no Campus de Santiago está chamado a participar dun cribado no pavillón de deportes no que faranse tests serolóxicos para analizar a porcentaxe de alumnado universitario con Covid-19.

Con respecto a isto, os alumnos e alumnas da USC, en xeral, non teñen medo de dar positivo, xa que, como afirma Lucía Eiras, alumna de Xornalismo, "estiven todo o mes metida na casa, polo que espero dar negativo". Así, espérase que a tasa de positividade en Covid-19 no alumnado universitario sexa significativamente baixa.

A CORUÑA E VIGO

No relativo á Universidade da Coruña (UDC), o reitor, Julio Abalde, confirmou que na institución o proceso tamén se está levando con "normalidade", con algunhas actividades presenciais e outras telemáticas, sendo a porcentaxe entre unha e outra modalidade diferente en cada centro.

Abalde destacou que os estudantes están a ser "respectuosos" cos protocolos sanitarios e están a mostrar un comportamento "bo" dentro das aulas e no resto das instalacións, sen que haxa constancia de "ningún tipo de alteración".

No caso da Universidade de Vigo, o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luís Míguez remarcou que o comezo das clases presenciais foi "normal", a transición foi "sinxela" para os alumnos e nas demais zonas universitarias séguese "as recomendacións expostas polo Sergas" e non se detectaron aglomeracións.

Segundo dixo, naquelas clases nas que o alumnado supera o aforamento permitido na aula, volveuse a establecer o que denominan como 'Aula integra', isto é, dividir a clase para que algúns alumnos acudan presencialmente e outros asistan de forma virtual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta