Feijóo celebra os doce anos da súa primeira maioría absoluta dicindo que servir a Galicia é unha "honra" profesional

"Hoxe cúmprense 12 anos daquel 1M en que os galegos me deron a súa confianza. Inmensamente agradecido polo apoio recibido aquel día, e sempre. Grazas de novo" di no seu Twitter.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2021 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou o seu perfil en redes sociais para agradecer aos galegos o apoio recibido nas urnas cando se cumpren 12 anos da súa primeira vitoria electoral cunha maioría absoluta axustada que devolveu ao PPdeG o poder en Galicia tras un mandato da coalición formada por PSdeG e BNG.

Na conta de Twitter que xestiona xunto ao seu equipo, nun escenario no que recobrou protagonismo na política estatal, sobre todo tras o 'trompazo' do PP nas catalás, Feijóo, quen a semana pasada asegurou que "non" tiña interese en presidir o seu partido no ámbito nacional, sitúa como "a maior honra" da súa vida no profesional "servir a Galicia".

"No persoal, ser pai. No profesional, a maior honra da miña vida foi (e é) servir a Galicia. Hoxe cúmprense 12 anos daquel 1M en que os galegos me deron a súa confianza. Inmensamente agradecido polo apoio recibido aquel día, e sempre. Grazas de novo", traslada nunha mensaxe o xefe de filas do PPdeG, que o pasado xullo logrou a súa cuarta maioría absoluta autonómica consecutiva nas urnas.

Nunha xornada con varios actos na súa axenda de presidente, esta tarde sentará tamén á fronte do comité de dirección do partido, coincidindo co 12 aniversario da súa vitoria electoral do 1 de marzo de 2009.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta