Nace unha nova organización independentista para "afortalar o BNG desde posicións revolucionarias"

Esta organización, que xorde do Movemento Galego ao Socialismo --grupo do BNG- , intervirá politicamente "dende posicións de clase, con vocación unitaria e apostando aquí e agora por un programa de ruptura independentista".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/03/2021 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

Compromiso militante,  traballo de base, construción de poder popular e a suma de forzas en todos os espazos, "nomeadamente afortalando o BNG e a CIG desde posicións revolucionarias". Eses son os principias obxectivos do Movemento Arredista, unha nova ferramenta política para sumar forzas pola "ruptura democrática".

Asemblea do Movemento Galego ao Socialismo
Asemblea do Movemento Galego ao Socialismo

O domingo 28 de febreiro celebrouse a Asemblea Nacional Constituínte deste movemento que nace do proceso “Sumarmos forzas pola ruptura” lanzado en outubro de 2020. "Daquela faciamos unha convocatoria aberta á conformación dunha nova organización que consolidase no seo do soberanismo un novo referente organizativo desacomplexadamente independentista, que aposte polo socialismo e sexa consecuentemente feminista", indican desde un comunicado.

Movemento Arredista pretende reivindicarse como parte da traxectoria dos sectores máis soberanistas galegos, e está impulsdo polos  sectores máis soberanistas da CIG e do BNG procedentes do Movemento Galego ao Socialismo --grupo que forma parte do Bloque-- e do que participaron algunhas  persoas vinculadas no seu día tamén a Causa Galiza. Teñen coma obxectivo a creación dun estado galego independente. "Tras meses de análises colectivas e debates realizados a pesar das dificultades impostas pola xestión da crise sanitaria -con restricións á mobilidade e no uso de espazos de reunión-, culminamos un proceso de acumulación de forzas que nos permite encarar con entusiasmo o complexo momento político e social que vivimos", suliñan.

INDEPENDENTISMO

Movemento Arredista nace cunha concepción abertamente independentista pero ten en conta a situación socioeconómica actual, derivada da xestión neoliberal dunha crise sanitaria sen precedentes. "A pandemia evidenciou aínda máis as desigualdades sociais, a vulnerabilidade das persoas fronte ao capital e o lucro devastador deste sobre a vida de todas, todo isto incrementado pola nosa carencia de poder político como pobo", din. 

Causa Galiza marcha polas rúas de Compostela o 25 de Xullo
Causa Galiza marcha polas rúas de Compostela o 25 de Xullo | Fonte: diarioliberdade

Esta organización intervirá políticamente "dende posicións de clase, con vocación unitaria e apostando aquí e agora por un programa de ruptura independentista" que basee na mobilización e a construción popular o centro da súa acción política. Será unha organización de "carácter estratéxico, identificábel publicamente, con vocación e perspectiva revolucionaria e capacidade de orientación política para avanzar nese camiño".

Entre os seus obxectivos está formar cadros políticos, aposta por dar debates estratéxicos ademais de intervir politicamente no día a día e coordinar e organizar as forzas coas que intervirán social e politicamente. Ademais de buscar "a unidade de acción reforzando as organizacións de masas como o BNG e a CIG".

"Con ilusión encetamos este aposta política por erguer un espazo de transformación que se sustenta na democracia popular, na xustiza social e económica e no ecoloxismo, e entende a centralidade do feminismo como panca para unha transformación social radical", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

2 Bismutiño

Os CDR versión galega 4.0. Pontona e cia, quedan para moqueta e poltronas.

1 liberdade

Que Deus todopoderoso os bendiga!!!