(Mapa) Estas son as zonas de Galicia máis afectadas pola "ameaza eólica"

A Rede Galega Stop Eólicos vén de recoller nun mapa todos os proxectos eólicos contemplados para o territorio galego. Tan só as cidades e a súa contorna están libres destes plans.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A febre dos eólicos en Galicia segue levantando a oposición do movemento ecoloxista e veciñal da comunidade. O tecido asociativo que dende hai meses se mobiliza contra o actual modelo de enerxía eólica vén de lanzar unha ofensiva máis contra a política de man aberta practicada pola Xunta de Galicia. Desta vez, a protesta non se concentra nun proxecto concreto, senón que pretende outorgar visibilidade á distribución destes muíños polo territorio galego.

Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial
Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial | Fonte: AEE.

Para acometer tal fin, a Rede Galega Stop Eólicos (RGSE) vén de recoller nun mapa todos aqueles complexos de muíños de vento proxectados sobre territorio galego. A cartografía en cuestión, que dá conta de centos de instalacións eólicas, parte do Rexistro Eólicos de Galicia e o Observatorio Eólico para representar en que zonas da comunidade se concentran os criticados muíños.

O mapa da RGSE bota luz sobre algunhas conclusións sobre a disposición dos eólicos no territorio galego. Estes concéntranse, como é natural, en áreas elevadas e abertas ao mar, destacando neste aspecto a área de Bergantiños e o Barbanza. A plataforma deixa entrever unha crítica velada ao feito de que os proxectos eólicos aprobados pola Xunta se manteñen lonxe das cidades galegas, en particular de Santiago de Compostela; malia tratarse dunha zona que, pola súa orografía, daría cabida a instalacións desta natureza.

LEI DE “DEPREDACIÓN”

O mapa da RGSE establece unha diferenciación que permite comprobar que parques eólicos dos moitos que “ameazan” o territorio están a ser impulsados polo Goberno español e cales pola Xunta de Galicia. A ampla maioría destes proxectos corresponden ao ente autonómico, que semanas atrás aprobou a polémica lei “de depredación da paisaxe”, como deron en chamala diversos grupos ecoloxistas polo impulso que, defenden, dá á instalación deste tipo de complexos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta