Sindicatos alertan de que a pandemia agrava a situación das mulleres no mercado labora

A Xunta destaca que Galicia é unha das pocuas comunidades nas que baixa o paro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/03/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Os sindicatos maioritarios en Galicia --CIG, UGT E CC.OO.-- alertan de que a pandemia agrava "aínda máis" a situación das mulleres no mercado laboral, tras os datos coñecidos este martes do desemprego en febreiro.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. CONCHI PAZ
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Deste xeito, UGT lamenta que as mulleres supoñen o 60% do desemprego en Galicia e das persoas afectadas por un ERTE.

Nesta liña, urxe a "reforzar o actual escudo de protección social", á vez que cre necesario "pór todos os medios" para acelerar o proceso de vacinación co fin de paliar os efectos da pandemia.

Pola súa banda, a CIG advirte de que "o 100%" das novas persoas paradas en febreiro foron mulleres. Así se confirma a tendencia apuntada pola EPA de que "o 77% do emprego destruído no ano 2020 fora feminino".

Aquí, apunta que en xaneiro descendeu o desemprego en 1.259 homes fronte ás 503 mulleres máis que pasaron a rexistrar as listas do paro. Ademais, remarca que o 60% do aumento do paro en taxa interanual correspóndese con elas.

A CIG incide en que a "maior precariedade e temporalidade" que padecen as mulleres propicia que fosen as primeiras en ser despedidas ao comezo da pandemia. A isto únese que a crise afectou en maior grao a sectores máis feminizados como servizos e hostalaría.

Pola súa banda, a secreatria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, coincide en que os datos de paro mostran que as mulleres son "as máis prexudicadas", posto que padecen o 57,1% do desemprego e supoñen seis de cada dez persoas en ERTE.

Ademais, CC.OO. chama a atención sobre que os datos de febreiro constatan "a minoración" da actividade económica e a urxencia do plan de reconstrución.

XUNTA

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valora que Galicia sexa unha das tres comunidades nas que baixa o paro en febreiro, aínda que chama á "prudencia" ante os efectos da pandemia no mercado laboral.

Nun comunicado, Zeltia Lado remarca que o paro baixa en 6.401 persoas respecto de abril de 2020, "mes que marca o impacto inicial da crise sanitaria", segundo a Xunta. Ademais, destaca que Galicia gaña 1.692 afiliados á Seguridade Social en febreiro, o que supón o cuarto mellor comportamento entre comunidades.

Respecto da subida interanual do desemprego, o Goberno galego achácao á pandemia, mentres remarca que se traballa para reforzar as políticas activas de emprego co obxectivo de dar prioridade aos colectivos con máis dificultades. Así mesmo, sostén que o nivel de paro é inferior a hai 12 anos, ao comezo daquela crise.

Paralelamente, Zeltia Lado apela a implementar políticas de igualdade. Resalta que a Xunta reforzou este ano con 21 millóns as axudas para impulsar a conciliación, a formación e a contratación de vítimas de violencia machista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta