Galicia recibe por fin as doses necesarias para vacinar a toda poboación maior de 80 anos

O Ministerio de Sanidade sitúa Galicia como terceira comunidade na clasificación de vacinas administradas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Galicia recibiu esta semana case 74.000 novas doses de vacina contra a covid-19, o que supón un incremento substancial con respecto ás case 50.000 adicionais que se entregaron a semana pasada. Con todo, a Comunidade administrou xa 233.345 doses.

O Sergas inicia a administración da segunda dose da vacina a profesionais sanitarios
O Sergas inicia a administración da segunda dose da vacina a profesionais sanitarios | Fonte: Sergas.

Boa parte deste incremento, correspóndese coas vacinas de Pfizer que foran comprometidas inicialmente (e despois foron recortadas pola redución da subministración da propia farmacéutica aos países da UE), de maneira que agora conta co número de inxeccións que precisa para vacinar á súa poboación de máis de 80 anos.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou a recepción do número de doses desta vacina e deu a coñecer o nivel de administración (das tres marcas que están aprobadas en Europa) que ten Galicia: 233.316.

O último dato que ten o Ministerio de Sanidade é o de 223.906 doses administradas en Galicia, o que significa o 95,3 por cento das recibidas e sitúa á galega como terceira comunidade no ranking de vacinas postas

Comesaña, que quixo agradecer o esforzo do colectivo de enfermaría encargado deste labor en todos os puntos de vacinación, indicou que se administraron 233.316 vacinas, das cales 184.620 correspóndense coa de Pfizer, 6.367 coa de Moderna e 42.329 con Astrazeneca.

Cunha soa dose, están vacinados 115.163 galegos e coas dúas doses completas, un total de 51.072 persoas. No colectivo de maiores de 80 anos, hai 42.594 galegos que recibiron a primeira dose e continúa a administración para este colectivo, que ten un peso de 234.000 cidadáns na poboación galega.

O titular de Sanidade tamén se referiu a que Galicia recibiu as 37 bandexas de Pfizer que permitirán seguir o ritmo previsto para o colectivo de maiores.

Así, neste inicio de marzo conseguiu 43.297 doses, o que "se corresponde, por fin, e adáptase ao 8,2 por cento da poboación de máis de 80 anos que temos en Galicia".

Ademais, como lembrou o conselleiro, séguese a vacinación dos grandes dependentes e avánzase "de forma importante" na vacinación dos docentes, cun primeiro grupo "importante" de 25.000 persoas (menores de 55 anos). En "breve" comezará o persoal non docente das institucións académicas.

Comesaña apuntou que tamén segue a vacinación nas clínicas privadas, onde foron administradas vacinas ao 80 por cento das persoas que están incluídas na lista remitidas polos colexios médicos.

Ademais, esta semana comezou a vacinación cos inspectores sanitarios, facultativos do Imelga, Policía Autonómica e Nacional, Bombeiros e funcionarios de prisións que non son sanitarios. Segue a vacinación nos centros de menores, nos servizos de axuda a domicilio e nas residencias psiquiátricas de ámbito privado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta