O alivio da presión hospitalaria permite recuperar máis dun 80% a actividade cirúrxica, agás en Pontevedra

Esta áreas segue mantendo un nivel de proporción entre enfermos e camas dispoñibles superior ao resto de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

A presión hospitalaria diminuíu nos últimos días nas áreas sanitarias galegas e esta situación permitiu recuperar máis do 80 por cento a actividade cirúrxica reprogramada, agás na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que segue mantendo un nivel de proporción entre enfermos e camas dispoñibles superior ao resto de Galicia.

Médicos cirurxiáns nun quirófano
Médicos cirurxiáns nun quirófano | Fonte: Europa Press.

Os datos actualizados a data deste mércores 3 de marzo apuntan que o número de persoas hospitalizadas en Galicia descendeu a 472, das que 97 están na Unidade de Coidados Intensivos. Tamén se reduciron en UCI o número de persoas, oito menos que o día anterior.

Os ingresados con coronavirus subiron en tres das sete áreas sanitarias galegas. Deste xeito, na de Santiago-Barbanza o número de críticos sitúase en 15 (-3), pero aumentan os hospitalizados a 45 (+7); en Vigo hai 14 en UCI (-1) e 64 ingresados (+4); e en Lugo mantéñense en 14 a UCI e soben a 23 os hospitalizados (+1).

Nas últimas horas a presión asistencial descendeu na área da Coruña e Cee, con 34 en UCI (-3) e 129 noutras unidades (-8) e na de Ferrol seguen 7 en críticos e 41 ingresados (-6).

Na de Pontevedra e O Salnés mantéñense en 11 os ingresados con coronavirus en UCI e baixan a 39 os que permanecen noutras unidades (-5). En Ourense hai dous pacientes en críticos (-1) e 34 noutras unidades (-1).

A evolución das últimas semanas permitiu recuperar a actividade cirúrxica reprogramada aínda que en distinto nivel. Segundo os datos da Consellería de Sanidade, Pontevedra recuperou o 60 por cento; Ferrol e A Coruña, o 80 por cento; Vigo, o 90 por cento; e Ourense, Lugo e Santiago, o 100 por cen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta