Feijóo sobre a Semana Santa: "Non impediremos que veña ningún galego que queira vir"

O presidente galego mantén que aínda é cedo para tomar ningunha decisión sobre a Semana Santa, pero deixa a porta aberta a aqueles residentes galegos que queiran volver.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/03/2021 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

"Prudencia". Foi a palabra máis repetida polo presidente galego na rolda posterior ao Consello da Xunta. Unha prudencia que di que hai que aplicar á toma de decisións políticas e sanitarias de cara á Semana Santa. Unhas decisións que, insistiu, non se deben de tomar agora, a menos dun mes, senon "dez días antes".

Un avión despegando dun aeroporto
Un avión despegando dun aeroporto | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Con todo,  Feijóo foi contundente sobre a volta a Galicia de galegos que viven fóra, tanto emigrantes como estudantes. "Nunca discutimos que un galego que esta fóra poida vir aquí", dixo ao criticar a proposta do Goberno español de evitar a mobilidade do estudantado universitario en Semana Santa.

"Nós sempre dixemos que o que ten que facer o Goberno son PCRs en estacións e aeroportos e se eles non poden ou non queren, pois que nolas deixen facer a nós", suliñou ao tempo que deixou claro que a Xunta "non recolle a posibilidade de que un galego non poida volver en Semana Santa". 

TURISTAS

Con todo, foi máis prudente ao falar doutros turistas que poidan vir a Galicia. Nese caso apelou á "prudencia" e dixo que é "moi precipitado" tentar tomar decisións agora "cando aínda queda un mes". "O máis lóxico é agardar unha semana ou dez días antes da Semana Santa", aclarou.

Neste sentido, evitou enfrontarse a Isabel Ayuso, partidaria xa de abrir Madrid en Semana Santa e aclarou que, aínda que el insiste na "prudencia", a "inmunidade" da capital española non é a mesma que a do resto de España, con taxas de entre un 18 e un 20%. 

En todo caso tamén deixou claro que, en caso de dúbida, el escolle a opción máis conservadora que é a de pechar Galicia. "Se hai dúbidas entre abrir ou pechar, eu prefiro pechar", indicou.

MOBILIDADE EN GALICIA

En todo caso, nunha intervención na que ratificou que a intención do Goberno autonómico é que haxa unha mobilidade interna "ampla, se non total" dentro do territorio galego se se manteñen os bos indicadores, rexeitou anticipar unha decisión sobre o peche xeral de comunidades a falta de case un mes en Semana Santa.

Non en balde, explicou que, aínda que ata o momento non se detectaron "repuntes", aínda non se pechou o ciclo epidemiolóxico que revelará o comportamento do virus desde que, o pasado venres, empezou a desescalada posterior á terceira onda na Comunidade. Probablemente, polo menos ata o sábado, dixo, non poderá haber unha análise certeira, polo que o comité clínico ou o subcomité seguiranse reunindo dúas veces á semana para decidir as medidas.

Finalmente, tras insistir en que os ciclos epidemiolóxicos duran entre sete e dez días, rexeitou "cantar vitoria" e insistiu no criterio de "prudencia" que, xunto aos datos de presión ou "tensións" asistenciais, determinaron, por exemplo, que non se abriron as áreas de Pontevedra ou A Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta