25.000 docentes galegos recibiron xa a primeira dose da vacina contra a covid-19.

O Sergas prevé finalizar durante "a próxima semana" esta primeira fase.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2021 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O Sergas previu finalizar durante "a próxima semana" o proceso de administración da primeira dose da vacina de AstraZeneca contra a COVID-19 aos profesores de ata 55 anos, dos que máis de 25.000 xa a recibiron, e o persoal non docente.

Unha profesional sanitaria sostén unha dose da vacina contra a COVID-19 de AstraZeneca
Unha profesional sanitaria sostén unha dose da vacina contra a COVID-19 de AstraZeneca | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Así o trasladaron os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e Sanidade, Xullo García Comesaña; no marco do Consello Escolar de Galicia, convocado para analizar as medidas adoptadas neste ámbito e abordar a planificación do período do curso restante desde unha perspectiva de normalización do proceso educativo.

Neste contexto, o conselleiro de Sanidade explicou que "se continúa avanzando na vacinación dos docentes", dos que máis de 25.000 xa recibiron a primeira dose. Tamén indicou que o proceso proseguirá co persoal non docente coa previsión de que finalice "a próxima semana".

Pola súa banda, Román Rodríguez analizou cos membros do Consello Escolar de Galicia a liña de actuación no ámbito educativo de face ás fases de "avance e normalización", que estarán marcadas polo proceso de vacinación iniciado a semana pasada.

De cara aos próximos meses, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade identificou a celebración das probas da ABAU e a convocatoria de oposicións, que congregarán a 26.000 aspirantes e terán lugar entre xuño e xullo, como os retos que deberán afrontarse. Así, chamou a "seguir esforzándose" e a "non baixar a garda" para superar con éxito este curso escolar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta