O PPdeG acusa o Goberno de "botar" á industria de España e "non buscar solucións" para Ence e Alu Ibérica

Lamenta que o PSdeG e o PSOE de Ferrol non protesten ante un Executivo que "lle nega" carga de traballo a Navantia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusou ao Goberno de "botar" de España ao sector industrial e de "non buscar solucións" para a situación das plantas de Ence e Alu Ibérica, situadas en Pontevedra e A Coruña, respectivamente.

Nunha rolda de prensa celebrada en Santiago este venres, reprobou que Galicia sexa "vítima" das "políticas caóticas e contraditorias" do Executivo que preside Pedro Sánchez. De feito, afirmou que estas "non atenden a ningunha estratexia industrial" e só se rixan polas "imposicións ideolóxicas" dun goberno que "está a destruír o presente e o futuro" do tecido produtivo galego. Deste xeito, criticou que "se negue a tomar as medidas necesarias" e "non busque solucións" para que as empresas "non fuxan de España".

"Primeiro foi Alcoa en San Cibrao, despois veu Siemens-Gamesa e agora vemos como seguen o mesmo camiño Ence en Pontevedra e Alu Ibérica na Coruña", lamentou Tellado, quen denunciou que "estas empresas non se están indo de España", senón que o Goberno central "as bota dun país que supera os 4 millóns de parados e ten 1 millón de traballadores en ERTE".

Nesta liña, sinalou que o Executivo central "dedícase a pechar industrias e a fomentar a deslocalización de empresas" a pesar da situación económica. "A suposta política de Transición Ecolóxica deste Goberno, nin é ecolóxica nin aposta por ningún tipo de transición", resolveu.

Ademais, advertiu de que un hipotético abandono de Pontevedra por parte de Ence colocaría nunha situación "dramática" a 5.000 familias e incidiu en que a súa permanencia na cidade "depende da vontade do Goberno", que "só debe facer un pequeno cambio no articulado" do regulamento de Costas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta