O número de pacientes covid nas UCI baixou un 70% nun mes

Os novos contaxiados baixan dos cen logo de meses de subas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/03/2021 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

Os pacientes de covid-19 ingresados nas unidades de críticos dos hospitais galegos caíron un 68,9 % respecto de hai un mes, cando se rexistrou o pico da terceira onda con 254 hospitalizados en UCI. Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, até as 18:00 horas do domingo, nas unidades de críticos había 79 persoas (unha menos), mentres que en planta estaban ingresados 319 pacientes, unha lixeira repunta respecto ao día anterior (17 máis).

Un sanitario sostén unha probeta tras realizar un test de antíxenos. Foto de arquivo.. Marta Fernández - Europa Press
Un sanitario sostén unha probeta tras realizar un test de antíxenos. Foto de arquivo.. Marta Fernández - Europa Press

Os novos contaxios nas últimas vinte e catro horas suman 88 persoas, 49 menos que o día anterior e supón a primeira vez en varios meses que baixan do cento. Este luns entran en vigor as novas medidas, fundamentalmente a apertura da mobilidade nas áreas da Coruña e de Pontevedra, co que o 95 % da poboación galega xa pode moverse sen restricións por todo o territorio.

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 113.721 persoas, das que 107.951 curáronse; mentres que morreron 2.275 persoas, sete delas comunicadas hoxe pola Administración autonómica. Durante a última xornada realizáronse 6.543 probas PCR, cunha taxa de positividade do 1,2 %, o que supón que en total se fixeron 1.721.301 probas deste tipo e outras 792.769 serolóxicas.

Por áreas sanitarias, A Coruña rexistra 1.247 casos activos, 23 menos, tras 36 novos positivos por PCR, catro menos; mentres que Vigo suma 606 casos activos (25 menos), tras 18 novos positivos por PCR, un menos que o día anterior.

Pontevedra tamén continúa co descenso de casos activos, até os 457 (-35), con 3 novos positivos por PCR, 4 menos. As áreas de Lugo con 304 casos activos (-23); Santiago, 387 (-18); e Ferrol, 288 (-33) tamén seguen reducindo os casos activos de modo sostido, mentres que os casos na área de Ourense caen outros 5, até os 225.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta