Búscanse deseñadores para crear un videoxogo sobre o rei Afonso X

O CCG ofrece un premio en metálico á mellor proposta sobre a figura do Rei Sabio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2021 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega vén de lanzar unha convocatoria para procurar a un deseñador ou equipo de deseñadores capaz de crear unha proposta de videoxogo arredor da figura de Afonso X. O chamamento chega como actividade complementaria á exposición ‘Afonso X e Galicia’, que se poderá visitar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o 24 de abril.

Miniatura medieval
Miniatura medieval | Fonte: CCG

Segundo explican dende o CCG, o interese por este videoxogo arredor da figura do chamado Rei Sabio pasaría por ampliar o itinerario que esta exposición ofrece arredor do legado de Afonso X. O estudo do seu papel na cultura medieval, así como a súa conexión con Galicia, quedaría pois reforzado con esa proposta de gaming para a que xa hai prazos e condicións establecidos.

De acordo co Consello, que comparte iniciativa con Videoxogo.gal, as propostas de gaming poderán ser entregadas ata o vindeiro 22 de marzo. Os proxectos deberán ser achegados a través da plataforma especializada ich.io. O fallo do xurado comunicarase publicamente o 30 de marzo e o 6 de abril terá lugar a entrega do premio ao equipo gañador na sede da exposición “Afonso X e Galicia” en Santiago de Compostela.

BASES E PREMIO

As bases do certame abren a participación a "calquera persoa ou equipo sen ningún tipo de restrición". Será completamente virtual e poderase empregar calquera motor para o desenvolvemento de videoxogos. Os equipos, iso si, poderán estar formados por un máximo de tres membros e cada persoa só poderá estar incluída nun equipo.  Segundo apuntan dende o Consello, o proxecto gañador da Game Jam recibirá 250 euros en metálico.  O xurado, formado por profesionais e académicos relacionados co sector do videoxogo e os contidos interactivos, valorará a orixinalidade e adecuación ao tema, así como o deseño do videoxogo, a arte, e a música e son, entre outros. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta