A CIG denuncia unha "brutal campaña de acoso" contra as manifestacións do 8M

Acusa á Xunta de decretar uns "servizos máximos abusivos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2021 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O ronsel do 8M segue a marcar a axenda informativa dun martes no que a Confederación Intersindical Galega vén de se sumar ás voces que denuncian unha "criminalización" das protestas por parte das institucións públicas. A CIG apuntaba así concretamente á Xunta de Galicia, á que acusa de ter promulgado uns "servizos máximos abusivos" que sumaron dificultades á celebración das mobilizacións.

Manifestación polo 8M en Vigo.. MARTA VÁZQUEZ
Manifestación polo 8M en Vigo.. MARTA VÁZQUEZ | Fonte: EUROPA PRESS

Aínda con todo, a formación sindical galega celebra o nivel de participación nas mobilizacións do pasado 8M, nas que "as mulleres galegas lideraron as protestas a nivel de Estado e na que as traballadoras do ensino tamén tiveron un papel relevante". Confórmase así o que para a Confederación foi unha "xornada histórica de loita" malia o "contexto adverso motivado pola pandemia" e os xa amentados atrancos que apreciaron nos xestos do goberno autonómico. 

A CIG tivo máis palabras para cargar contra a actitude da Xunta e o resto da administración, á que acusou de impulsar unha "campaña de desmobilización, criminalización e acoso social". Aínda así, destacan, a xornada foi un éxito de seguemento, "convocando 31 accións combativas nunha chea de localidades do país, porque non imos permitir que as mulleres paguemos a crise sanitaria co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, coidando e curando", en palabras de Margarida Corral, Secretaria de Mulleres da CIG.

"CAMPAÑA DE ACOSO"

A formación sindical galega incidía así en que "non soamente se impediu o dereito fundamental de folga", senón que tivo lugar tamén unha “brutal campaña de acoso á loita feminista”. Corral subliñou, neste aspecto, a existencia de “fenómenos intolerábeis nun estado que se pretenda chamar democrático e de dereito, como chamadas dalgunhas subdelegacións do Goberno, coaccionando e ameazando ás promotoras das mobilizacións". A secretaria da CIG tivo palabaras para "a Xunta, a administración estatal e os seus entes", que, subliñou, "atrasaran a publicación do decreto de servizos mínimos até o último momento ou a negación da existencia da convocatoria de folga para non negocialos, como foi o caso do Concello da Coruña”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta