Un estudo buscará impulsar o deseño industrial no sector galego da madeira

Varios proxectos relacionados coa industria madeireira optan aos fondos europeos Next Generation

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/03/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A Xunta e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia acordaron colaborar na elaboración dun estudo sobre as oportunidades para impulsar o deseño industrial en toda a cadea de valor da madeira. Así o pactaron este martes o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e representantes do Clúster nunha reunión mantida esta mañá en Santiago de Compostela.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reúnese co Clúster da Madeira
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reúnese co Clúster da Madeira | Fonte: Xunta de Galicia.

"O obxectivo é iniciar un programa de apoio ás empresas galegas para avaliar novos mercados, deseñar catálogos, elaborar e certificar prototipos e promover a comercialización", explicou Conde.

O conselleiro destacou ademais que un dos principais retos do sector é "profundar nos novos usos da madeira, o que implica facer unha dobre aposta pola innovación e o deseño".

Conde indicou que a industria forestal galega ten que aproveitar o proceso de transición ecolóxica e dixital "como unha oportunidade de transformación e modernización".

É a ocasión, sinalou, para crear unha industria máis sustentable "facendo un mellor aproveitamento dos recursos forestais", e para a diversificación dos mercados, "pondo en valor as calidades da madeira galega da man de sectores como a construción e o 'contract' (sector dedicado ao mobiliario destinado a espazos como hoteis e restaurantes)".

A Consellería apuntou que, neste contexto, os proxectos cos que Galicia opta aos fondos europeos Next Generation relacionados coa industria madeireira viran ao redor de catro liñas estratéxicas: a produción de fibra téxtil de orixe forestal, a dixitalización do sector, a construción en madeira e a ecoinnovación.

O obxectivo destes proxectos é innovar no desenvolvemento de novos produtos e solucións renovables, reutilizables e reciclables e, ademais, trasladar esas calidades presentes na madeira a outros sectores como o 'contract', a construción ou o moble, "para convertelos nun escaparate do deseño galego e do potencial da madeira local".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta