Temas: RESIDUOS UE SOGAMA

A Xunta asegura que a UE deixará de financiar os modelos de tratamento de lixo "distintos ao de Sogama"

Europa non habilitará recursos económicos para os tratamentos que recollen baixo a denominación TMB.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/03/2021 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A Unión Europea acaba de trasladar que deixará de habilitar mecanismos de financiamento europeo para os sistemas de recollida de residuos baseados en tratamentos mecánico-biolóxicos, os coñecidos como 'TMB', baseados na recollida conxunta, na separación na planta de tratamento e o destino dos orgánicos á produción de compost.

Plástico en Sogama
Plástico en Sogama | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo.

Así o comunicaron este martes representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico nunha reunión da comisión sectorial de medio ambiente, segundo informa a Consellería de Medio Ambiente.

O departamento da Xunta apunta que "confirmaron ás comunidades autónomas que Europa non habilitará recursos económicos para os tratamentos que recollen baixo a denominación TMB".

En España, segundo os datos da consellería, en torno ao 51% dos residuos sólidos urbanos xerados son tratados nestas instalacións. En Galicia, este tipo de tratamento leva a cabo nas plantas de tratamento de Nostián e Lousame, "polo que --ante a falta de financiamento-- parecen modelos a extinguir", afirma Medio Ambiente.

"O modelo que primará será o de separación selectiva en orixe, no que cada fracción se deposita no colector correspondente", engade, antes de enumerar cartón e papel (azul), vidro (verde), envases, plásticos e bricks (amarelo) e orgánica (marrón) e o resto no xeneral.

Este modelo de tratamento, ao que a Xunta denomina "modelo Sogama", é "por tanto o que está a defender a Unión Europea, que aposta pola separación dos residuos urbanos desde a orixe, de forma que nas plantas de tratamento como a que existe en Sogama "só se valoriza --quéimase-- a fracción resto".

Na actualidade, ao modelo Sogama están adheridos un total de 295 concellos que aglutinan, de acordo coas cifras da Consellería de Medio Ambiente, a 2.242.000 habitantes.

Temas: RESIDUOS UE SOGAMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta