As achegas dos parques científicos e tecnolóxicos á loita contra a covid: Andalucía á cabeza e Galicia á cola

Un estudo visualiza como empresas de toda España acollidas por estes organismos reorientaron a súa actividade para aportar solucións diversas durante os primeiros meses de pandemia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

221 empresas repartidas en 48 parques científicos e tecnolóxicos de todo o Estado implicáronse nos primeiros meses de pandemia en atender necesidades derivadas da covid-19, poñendo ao servizo da sociedade os seus recursos e capacidades para producir bens e servizos para dar resposta ás necesidades xurdidas. Nese compromiso, Galicia situouse á cola en España.

A app 'Local Safe'
A app 'Local Safe' | Fonte: www.localsafe.es.

Un estudo sobre a responsabilidade social empresarial dos parques científicos e tecnolóxicos analiza e visibiliza a resposta colaborativa destes organismos e as empresas que os integran ante a crise sanitaria xerada pola covid-19, até xullo de 2020, durante os primeiros seis meses de pandemia.

Nesa clasificación, Andalucía é a autonomía que mellor sae parada, con 95 empresas de sete dos seus 12 parques, unha cifra que representa nada menos que o 42,98 % do total das empresas involucradas na produción de bens e servizos para atender necesidades xurdidas da pandemia.

Pola contra, Galicia é a autonomía que sae peor parada, con tan só unha empresa implicada das que compoñen os dous parques ubicados no territorio galego. Dito doutro xeito, o peso da contribución galega ao total é de tan só o 0,45 %, por número de empresas comprometidas.

Os datos foron recollidos do Ministerio de Ciencia e da Asociación de Parques Tecnológicos de España (APTE), onde Galicia rexistra dous organismos deste tipo: o Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole e o Parque Tecnolóxico de Vigo. Neste sentido, Galicia sitúase, ademais, no grupo de comunidades autónomas con menos parques, só por diante das Illas Baleares e Estremadura, ambas as dúas cun só parque.

No lado oposto, en canto a número de parques, sitúase en primeiro lugar Cataluña, con 16, seguida de Andalucía (12) e Madrid (7). Porén, é a Comunidade andaluza a que máis achega á lista de empresas involucradas na loita contra a covid-19, mentres que Cataluña ocupa o cuarto lugar (16 empresas, 7,24 % do total en España) e Madrid sitúase no oitavo lugar (cinco empresas, 2,26 %), empatada con Castela-A Mancha (mesmas cifras), malia que a Comunidade manchega só ten dous parques, como Galicia.

Os datos indican que, tras Andalucía, as autonomías que máis empresas aportaron a proxectos contra a pandemia durante aqueles primeiros meses foron Valencia, Castela e León e País Vasco. No caso valenciano, até 35 empresas (15,83 % do total en España) de cinco dos seus seis parques científicos e tecnolóxicos decidiron orientar proxectos cara á loita contra a covid-19. Mentres, en Castela e León foron 25 empresas (11,31 %) dos seus tres parques e no territorio vasco, 15 (7,79 %) de dous parques dos catro que ten.

No caso galego, dos dous organismos –Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole e Parque Tecnolóxico de Vigo–, foi no primeiro, situado no concello de San Cibrao das Viñas (Ourense), onde se puxo en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, unha aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19.

Este programa, denominado ‘Connect-19', cun orzamento de 600.000 euros e lanzado o pasado verán, durou cinco meses e tivo como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras de 20 empresas para contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola pandemia. Pero eran, de momento, proxectos sen materializar e o proxecto comezou ao fin da recollida de datos do estudo agora publicado.

Antes, Amodo Soluciones, empresa situada en Tecnópole, desenvolveu a aplicación 'Local Safe', lanzada en xuño de 2020. O obxectivo era reducir a fenda de confianza xerada pola pandemia entre a poboación. A aplicación para telefonía móbil permite consultar os establecementos máis seguros en relación á covid-19.

Coa aplicación, os usuarios poden filtrar os establecementos segundo a súa actividade e as medidas de seguridade habilitadas, mediante un sistema de clasificación, e que localiza estas empresas nas proximidades e a contorna con datos como a descrición do local ou valoracións doutras persoas.

ALTA PARTICIPACIÓN

Ao analizar os datos en conxunto das 14 comunidades autónomas incluidas no estudo (non están A Rioxa, que non ten ningún parque, e non foron incluídos os de Cantabria e Navarra), “a metade ou máis dos seus parques colaboraron, cifras que avalan o compromiso coa responsabilidade social empresarial”, valora a autora do estudo.

En conxunto, analizando as actuacións desenvolvidas polas empresas radicadas nos parques científicos e tecnolóxicos, “visualízase o apoio prestado” por estas a diferentes necesidades emerxidas pola pandemia. “O apoio social, o desenvolvemento e abastecemento de material sanitario, o apoio á xestión no ámbito sanitario e os mecanismos e instrumentos para a detección da covid-19 son as que máis soporte recibiron”, revela o estudo.

Polo tanto, e “ante a falta de solucións globais durante a pandemia, os parques científico-tecnolóxicos quixeron xogar un papel significativo en España”, destácase.

O estudo está asinado por Zeida de los Reyes Rodríguez-Mendoza, da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta