“32 metros cadrados”, unha traxicomedia sobre o confinamento

A Compañía ButacaZero estrea este espectáculo en Vigo coincidindo co primeiro aniversario do confinamento por mor da Covid-19.

Por X.M. Fernández | A Coruña | 12/03/2021 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Trátase do novo proxecto de Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, unha obra de teatro absurdo que parte da experiencia dos propios autores durante o encerro da primavera do 2020. A banda orixinal corre a cargo do músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas.

Ensaio. Foto: Serxo González
Ensaio. Foto: Serxo González

Empregando elementos cómicos e tráxicos, ponse o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na vida cotiá dos protagonistas, Mar e Xan, encarnados pola actriz Nuria Gullón e o actor Xurxo Cortázar. Esta parella, que se considera ‘antisistema’ e habita con tranquilidade nun pequeno piso de 32 metros cadrados, de súpeto vese sorprendida polo confinamento de toda a poboación.

A partir desta circunstancia excepcional poñeranse en cuestión temas como a soidade, o abandono, as complexidades das relación interpersoais, o estrés e os ritmos acelerados impostos pola sociedade.

“Cremos que todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20h, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras. Con ela propoñemos botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a nosa sociedade e recoñecernos en situacións absurdas que nos permiten comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marcou ou quen deixou de si mesmos nesta distopía”, expoñen Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira.

A estrea, con todas as entradas esgotadas, terá lugar este venres 12 e o sábado 13 de marzo no Auditorio Municipal de Vigo. Logo destes primeiros pases, a obra chegará a Rianxo, o domingo 14, aniversario da declaración do Estado de Alarma.

A partir de aquí, o espectáculo xirará por auditorios de diferentes localidades galegas podéndose seguir as datas e lugares das función na páxina web da Compañía Butaca Zero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta