O plan do BNG para rescatar a hostalaría: moratoria impositiva e IVE reducido

Tamén propón exonerar os autónomos do pago das cotas correspondentes ao tempo de peche e reducións no pago das cotizacións sociais aos afectados polo cesamento de actividade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/03/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego propuxo un plan de rescate para a hostalaría galega que inclúa unha moratoria impositiva e un IVE reducido para levantar o sector, que "xa deixou polo camiño 10.000 postos de traballo" por mor da pandemia.

Representantes do BNG reúnense co sector da hostalaría
Representantes do BNG reúnense co sector da hostalaría | Fonte: BNG.

Así o sinalou a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, tras reunirse este xoves coa Plataforma galega en defensa da hostalaría, un encontro no que tamén participou o deputado Daniel Pérez e a portavoz municipal de Santiago, Goretti Sanmartín.

"A situación é gravísima e non afecta só os propietarios dos negocios, afecta os traballadores e provedores de alimentación, bebidas, servizos técnicos ou ao sector primario, porque a hostalaría repercute en todo o tecido económico das vilas e cidades", argumentou Pontón, que insiste en reclamar un plan "real" ante as axudas "escasas e tardías" de Feijóo.

A portavoz nacional do BNG crítica que "un goberno responsable de cortar de raíz a actividade dun sector" non poña sobre a mesa as "axudas necesarias" e lembra que "as facturas non están confinadas e seguen chegando puntualmente", nun contexto no que a resposta da Xunta é "insuficiente e tardía".

Ante isto, destacou que as propostas da súa formación pasan por un plan de rescate "real" que debe de estar operativo "canto antes" para evitar máis peches definitivos e que se acompañe dun "paquete de medidas no ámbito fiscal e financeiro".

Deste xeito, entre outras cuestións, propuxo aprazar os pagos do IRPF, do IVE e ampliar os prazos para abonar o imposto de sociedades, así como aplicar un IVE reducido para "darlle competitividade e animar o consumo".

O Bloque tamén propón exonerar as persoas autónomas do pago das cotas correspondentes ao tempo de peche e reducións no pago das cotizacións sociais aos afectados polo cesamento de actividade derivado da pandemia.

Finalmente, insta o Goberno da Xunta a negociar coas entidades bancarias un mínimo dun ano de carencia nos créditos.

"É imprescindible darlle un apoio decidido ao sector a través duns orzamentos expansivos e eses recursos --incluíndo tamén os Next Generation--, deben chegar aos sectores económicos e aos traballadores e traballadoras, autónomos e autónomas", concluíu Pontón, que avanzou que a súa formación levará todas estas propostas a través de iniciativas parlamentarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta