O BNG de Santiago pide consensuar "propostas" para os orzamentos e CA acusa a Bugallo de "soberbia"

Os nacionalistas consideran que o alcalde de Santiago presentou uns orzamentos sen "negociación" mentres que Compostela Aberta fala de falta de diálogo "deste goberno en minoría".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2021 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou este xoves que se retire do pleno de Santiago deste venres o debate de orzamentos e que se "consensúen as propostas" cos grupos da oposición.

Goretti Sanmartín explicou que o documento chega a este trámite sen o apoio do resto de formacións "pola irresponsabilidade do alcalde", a quen reclaman "desde o pasado 1 de setembro" que se realicen "as reunións necesarias" para "marcar as prioridades orzamentarias, contrastalas cos consellos de participación cidadá e chegar a un consenso orzamentario o máis amplo posible nunha situación especial".

"Desde o BNG consideramos que a solución pasa por non someter mañá a Pleno ese proxecto de orzamento elaborado unilateralmente por Bugallo e, nun prazo breve, con responsabilidade, incorporar propostas de todos os grupos municipais que os enriquezan e sacalos adiante por consenso polo ben da cidade", dixo a representante do BNG.

Sanmartín criticou que "un goberno en minoría" como o de Sánchez Bugallo presente "un proxecto de orzamentos sen negociación de ningún tipo" e que "non admita máis que ningunha ou algunha minúscula modificación dalgún grupo, iso, despois de ter as propostas, polo menos do BNG, durante 15 días sen ningunha resposta ao respecto".

FALTA DE DIÁLOGO

Esta mesma semana, a portavoz municipal de Compostela Aberta, Marta Lois, criticou a "actitude soberbia" do alcalde, que "está a impedir que Santiago teña os mellores orzamentos para afrontar a situación de crise".

Na mesma liña, Lois criticou a "falta de diálogo deste goberno en minoría", que "xoga ao descoido ao tentar atribuír á oposición o atraso na aprobación das contas, das que o alcalde se negou a falar ata case o mes de febreiro".

A concelleira do BNG Goretti Sanmartín
A concelleira do BNG Goretti Sanmartín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta