O PP nega ser instigador da violencia de traballadores de Ence contra o alcalde de Pontevedra

O BNG esixe ao presidente da Xunta que condene a "campaña violenta de ENCE"

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 12/03/2021 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, rexeitou as manifestacións do alcalde desta cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, nas que lle "acusa de instigar a violencia" por parte dun grupo de traballadores de Ence.

Decenas de traballadores da fábrica de Ence maniféstanse contra o peche da fábrica en Lourizán, a 9 de marzo de 2021
Decenas de traballadores da fábrica de Ence maniféstanse contra o peche da fábrica en Lourizán, a 9 de marzo de 2021 | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

"O primeiro que quero dicir é que é absolutamente falso. Nin o Partido Popular nin Rafa Domínguez instigaron ou instigarán ningún tipo de violencia", afirmou este venres nunha comparecencia.

A continuación, o portavoz do PP en Pontevedra engadiu que "leccións de democracia de Lores ou do BNG ningunha". "Desde o Partido Popular de Pontevedra non as aceptamos de ningunha das maneiras", abundou.

"Non teñen ningunha capacidade nin ética para darnos a nós leccións", dixo Rafa Domínguez porque "o BNG e Lores van da man de Bildu" e porque os nacionalistas "din que os recentes acontecementos de Barcelona onde case queiman a un policía son liberdade de expresión", agregou.

Detrás dunha pancarta co logo do Partido Popular na que se lía 'Ence non se pecha. BNG e PSOE culpables. En defensa do traballo dos nosos veciños' compareceron este venres os portavoces do PP de Pontevedra e Poio, Rafa Domínguez e Ángel Moldes; o portavoz do grupo provincial, Jorge Cubela, e o deputado nacional, Diego Gago.

Os populares valoraron as "terribles consecuencias" que, ao seu xuízo, suporá para a comarca de Pontevedra o peche de Ence a consecuencia da nova Lei de Cambio Climático "e o efecto dominó que xerará con outras empresas e servizos" do que responsabilizan a PSOE e BNG.

Jorge Cubela anunciou que o PP presentará unha moción na Deputación de Pontevedra para reclamar a modificación da Lei de Cambio Climático porque "pon en risco miles de empregos directos e indirectos, non só da factoría Ence, senón de todas as empresas auxiliares que dependen dela e tamén do sector mar-industria", dixo.

"Ence non se vai. A Ence bótana", insistiu Cubela para alertar do custo para clubs e asociacións de Pontevedra, Poio e Marín, que reciben das pasteira axudas directas.

BNG

O deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, esixiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que condene a "campaña violenta de ENCE contra as decisións dos gobernos democráticos" e que o Executivo galego "lidere o proceso da saída de Ence da ría de Pontevedra".

Bará considerou "moi graves" os incidentes rexistrados o xoves no Concello de Pontevedra, con "intimidación e acoso, agresións verbais e físicas" ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a varios concelleiros do goberno municipal.

O parlamentario nacionalista considera que "ENCE e o Partido Popular deben condenar rotundamente estes actos violentos" protagonizados por un grupo minoritario de traballadores da fábrica, xa que a maioría, representada polo comité de empresa, explicou o deputado do Bloque, "manteñen unha posición diferente e razoable".

Bará tamén enviou unha mensaxe ao presidente da Xunta, ao que instou a dar instrucións á empresa ENCE "para que cese a escalada de violencia na que está instalada".

Por outra banda, o deputado do BNG pediu ao Partido Popular e á Xunta que abandonen a "radicalización, as barricadas e a ENCE- Borroka". Para Bará, "o PP non pode estar nas barricadas, debe gobernar e facer propostas para o futuro da ría, da produtividade industrial e da comarca de Pontevedra".

Por último, subliñou que a saída de ENCE da ría de Pontevedra xerará moitos postos de traballo. "Gañaremos unha ría e postos de traballo", ademais dun uso funcional e produtivo e diverso do monte galego, remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta