Por Galicia Confidencial | Cerdedo | 14/03/2021 | Actualizada ás 14:13
Preto de medio cento de persoas participaron na concentración pola caducidade do Dereito Mineiro Alberta I que tivo lugar na Portela da Cruz (A Lama - Beariz). Unha concentración considerada como un “éxito” pola Plataforma SOS Suído-Seixo, que convocou o acto reivindicativo.
Tras o apoio amosado en redes por diferentes organizacións e colectivos, e tendo en conta o actual contexto de crise sanitaria polo SARS-CoV-2, a convocatoria xuntou a veciños de
municipios directamente afectados polo Dereito Mineiro: A Lama, Beariz, Avión, Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Con todo, entre as e os asistentes contábanse tamén persoas chegadas doutros puntos de Galicia que quixeron amosar o seu compromiso co patrimonio natural e cultural galego, ameazado pola sombra da megaminaría.
“Con este tipo de actos queremos amosar que a nosa loita segue viva”, indicaron representantes do movemento antimineiro que aninma á xente a que presente as súas solicitudes pola caducidade de Alberta I, "un dereito mineiro que non fai máis que ameazar o grande potencial ambiental, social e económico que teñen as serras do Suído e do Seixo para
a súa veciñanza”.
O dereito mineiro Alberta I tentou ser explotado recentemente pola empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA. A Xunta de Galicia denegou entón a Concesión de Explotación ante o informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola máis que probable afección aos cursos de auga da zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.